Daveiga, empresas que apostan polo rural: “A economía social e o rural teñen futuro”

A empresa chantadina, un dos referentes actuais de emprendemento de éxito no rural, destaca pola súa inquietude á hora de consolidarse como modelo alternativo de xestión empresarial. Para alcanzar esta ‘misión’ conxugan “principios da economía social” co respecto polo medio, a preocupación por unha alimentación saudable e a creación de valor engadido na comunidade.

Por X.M. Fernández | Chantada | 21/03/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Conversamos con Xosé Lois Lamazares, Coordinador Xeral de Daveiga -Lugar Daveiga, SLL- e un dos pais das Mariñeiras, para preguntarlle como lles vai por Chantada nestes tempos de pandemia e para coñecer un pouco máis o lado máis social e comprometido co desenvolvemento sustentable do proxecto.

Elaborando a masa para facer as Mariñeiras. Foto: Daveiga
Elaborando a masa para facer as Mariñeiras. Foto: Daveiga

Coméntanos Xosé Lois que, feito balance do 2020, “non nos podemos queixar, sería de soberbios, vendo o mal que o están pasando outros sectores”. E malia a dificultade de manter crecementos ‘pre-pandemia’ conseguiron pechar o ano por enriba do 3,5% de crecemento natural. Neste punto chámanos a atención un detalle, o mercado portugués represéntalles nestes momentos un 60-70% do total de vendas de Galletas Mariñeiras.

“Non nos podemos queixar, sería de soberbios, vendo o mal que o están pasando outros sectores”

No apartado laboral, conta tamén Lamazares que partiron con certa vantaxe para adaptarse ás inesperadas circunstancias. Dende 2015 teñen xa persoal da empresa traballando dende a casa certos días á semana, e antes da pandemia xa ofrecían un 20% de teletraballo voluntario para favorecer a conciliación familiar. Nese senso, traballar en remoto para labores de oficina non lles resultou ningún atranco para adaptarse á situación. Incrementáronse, en definitiva, o usos das novas tecnoloxías e as relacións externas limitáronse, facendo moitas reunións por videoconferencias.

“A economía social e o rural, teñen futuro”, esta é a visión do proxecto Daveiga, un proxecto que nos demostra que se pode ser rendíbel ao tempo que se mantén o compromiso coas persoas, os traballadores e o medio ambiente.

Obrador de Lugar Daveiga SLL. Foto: Daveiga
Obrador de Lugar Daveiga SLL. Foto: Daveiga

“A economía social e o rural, teñen futuro”, esta é a visión do proxecto Daveiga

Falamos con Xosé Lois desta ‘misión’ na que están embarcados.

Outro mundo rural é posible. Como contribuídes vós ao seu desenvolvemento sustentable?

A contribución mais importante está en manter un modelo intensivo en traballo, e como consecuencia creando postos de traballo dignos e estables na nosa contorna.

Tamén está a nosa contribución á creación de riqueza coa compra de materias primas producidas ou transformados en Galiza (fariña, aceite, manteiga, etc.) así como contribuír á creación de postos de traballo indirectos (transporte, distribución, servizos, etc.).

Tamén destacaría a creación de valor engadido na zona, a través do reenvestimento dos excedentes na mellora do proceso produtivo e aumento da capacidade produtiva.

Sodes xa un referente emprendedor da Galicia interior, que exemplos ou modelos tivestes vós?

Hai moitos, pero eu destacaría outros proxectos da contorna; Arqueixal, Pazo Vilane, Castañas Naiciña, ... Todos eles son proxectos cunha filosofía diferente pero cun nexo común; contribúen ao desenvolvemento do Rural poñendo en valor os recursos da zona.

Un Modelo que nos queda xa máis lonxe pero que inspirou tamén o noso modelo de xestión e os obxectivos fundacionais, sería o do Grupo Mondragón en Euskadi.

Que vos inspirou a apostar polo sector alimentario e no rural? 

Alimentario, tiña que ser; é a base para poder poñer en valor os recursos da zona. Puideron ter sido outros; repolos, ovos, chourizos... O das Mariñeiras, foi froito da casualidade, descubrímolas en Arxentina e pareceunos que podían encaixar na idea que tiñamos de negocio.

Recorredes ao concepto 'utopía' para falar do voso proxecto. Por que? Pola busca da 'perfeción'?.

Non, nós Utopía entendémola como “un conxunto de metas para acadar o noso porqué?”, un horizonte onde queremos chegar, equivalen á nosa MISIÖN ou obxectivos do proxecto de Daveiga.

Tamén se pode entender como o reflexo da nosa inquietude por buscar un modelo alternativo de xestión empresarial, que se apoie nos “Principios da economía social”, o respecto polo medio e a contribución á comunidade. Todo isto sen ser presuntuosos, dende a humildade avanzando paso a paso a través da mellora continua.

Como se traduce ese ‘modelo alternativo’ de xestión empresarial  en termos de responsabilidade social?

En primeiro lugar está a responsabilidade laboral; salarios dignos acorde á función que desempeña cada persoa na empresa, equidade e transparencia salarial interna, posibilidade dos traballadores/as de incorporarse como socios/as da empresa, implantación da xornada continua dende o inicio, posibilidade de excedencias voluntarias, facilidades para conciliación familiar, dereito a información económica da empresa, participación na toma de decisións organizativas.

Tamén está a responsabilidade co consumidor; a nosa actividade principal é a produción de alimentos polo que, entendemos como fundamental ofrecerlle aos nosos consumidores produtos o máis natural posibles e saudables; libres de aditivos, colorantes, saborizantes, sen graxas trans, sen OGMs, sen azucres engadidos, reducidos en sal, etc.

Un modelo alternativo de xestión empresarial onde prima a responsabilidade laboral e a responsabilidade co consumidor

A innovación sempre presente para medrar. Faládenos de ideas recentes, melloras e proxectos.

A maiores da propia innovación que representa o produto, está a innovación que supón o propio modelo de xestión, organizativa e de procesos.

Actualmente estamos inmersos nun proceso de transformación dixital do obrador, que nos permita ter o proceso controlado e unha xestión eficiente dos recursos. Seguimos traballando na incorporación de novos produtos ao mercado para aproveitar novos nichos.

Galletas Mariñeiras. Foto: Daveiga
Galletas Mariñeiras. Foto: Daveiga
Dándolle a forma característica ás Mariñeiras. Foto: Daveiga
Dándolle a forma característica ás Mariñeiras. Foto: Daveiga
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta