A empresa que leva o teléfono covid da Xunta podería estar incumprindo a regulación laboral

A CIG denuncia as "precarias condicións" da compañía adxudicataria, á que acusa de ter a "gran cantidade de traballadores" en fraude de lei.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

Cae a polémica sobre o servizo de atención telefónica da Xunta para a covid-19. A CIG vén de denunciar as “precarias condicións” que, segundo destacan, se estarían a dar na empresa adxudicataria deste servizo dende o inicio da pandemia no pasado mes de marzo. De acordo co sindicato, a compañía escollida pola Xunta para delegar o servizo estaría a incumprir a regulación laboral do sector ao ter os seus traballadores “en fraude de lei”.

Un dispositivo de vacinación contra a COVID-19, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press
Un dispositivo de vacinación contra a COVID-19, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press

A Confederación apunta así ás prácticas da compañía Universal Support, que se encarga da atención telefónica “tanto do número de información como no servizo de rastrexo”. Dende a plataforma sindical explica que, malia a “escasa” información que transparenta a empresa “sábese que unha parte importante das persoas que prestan o servizo están en fraude de lei”.

Este aparente incumprimento daríase porque, de acordo coas mesmas fontes, a compañía escollida pola Xunta para desenvolver este servizo público ten a boa parte dos seus traballadores baixo un contrato eventual por circunstancias de produción; que, de acordo co convenio colectivo do sector --din dende a formación sindical-- “só pode ser utilizado de modo continuado durante catro meses”

"ESCURANTISMO" DA ADXUDICACIÓN

O problema viría porque “hai gran cantidade de traballadores e traballadoras” que “xa superaron eses catro meses sen que se lles cambie o contrato a un de obra ou servizo, como correspondería". Para a CIG, o único obxectivo desta actuación é “dispoñer libremente do persoal e poder prescindir del con facilidade cando diminúa o traballo, sen cumprir as formalidades reservadas para o contrato de obra”. A formación aprecia tal intencionalidade nas prácticas desenvoltas na terceira vaga, momento no que a compañía pasou supostamente de contratar “ás présas” 150 traballadores para “botalos tres semanas despois”.

As dúbidas que penden sobre o cumprimento legal da adxudicataria da Xunta botan novas sombras sobre a xestión do Goberno autonómico, que --de acordo coa CIG-- procedeu a adxudicar o servizo a Universal Suppor nunha “campaña sen transparencia” e na que “a información facilitada pola empresa ao comité foi practicamente nula dende un principio”. Segundo destacan, este escurantismo “impide os sindicatos poder desenvolver o seu traballo para garantir o cumprimento da lexislación laboral", critican. Por iso sinalan que se manterán “vixiantes” ante posibles novos incumprimentos por parte da adxudicataria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta