Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 13:49
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cre "comprensible" que se produza "un certo movemento interno" do turismo en Semana Santa en Galicia, á vez que valora que os hostaleiros "o agradecerían moito". Así se pronunciou este martes nun acto en Santiago, xunto ao representante do Cluster Turismo de Galicia e outros responsables do sector.
A preguntas dos xornalistas sobre se o Goberno galego anima a que os galegos fagan desprazamentos, no marco dun turismo interior durante a ponte de San Xosé e en Semana Santa, Rueda pediu que os confinamentos establecidos "se respecten".
Así, sinalou que "agora mesmo" o peche perimetral "é autonómico" e "é importante que se respecte". "Que os galegos non saian de Galicia e temos que pedir que doutras comunidades non acudan a Galicia coa finalidade turística", subliñou. Dito isto, engadiu que, se se observan todas as medidas e por tanto existen "todas as garantías", un "certo movemento interno esta semana Santa sería comprensible" e está "seguro de que os hostaleiros o agradecerían moito".
HORARIOS
Por outra banda, cuestionado sobre o que decidirá o comité clínico esta semana, ratificou que "a idea" é permitir un maior horario á hostalaría, se "se van consolidando as melloras sanitarias". Neste sentido, apostou por dar "pasos máis curtos e máis duradeiros" en lugar de "un gran paso que logo supuxese un retroceso", en referencia a marcar "un escenario ata Semana Santa e outro a partir de aí".
Por último, constatou que esta semana Santa "non vai ser normal" e esperou "un verán que se pareza o máis posible a antes da pandemia".
VACINACIÓN
En canto á paralización da vacinación con AstraZeneca, asumiu que suporá "atraso" no plan da Xunta "sen ningunha dúbida", pero confiou en que "todo se solucione e se poida seguir vacinando".
Esperando que "nese prazo se poida renovar con todas as garantías", indicou que, "mentres, a Xunta vai seguir con dose doutros laboratorios" e espera ademais a chegada de "unha subministración cuantiosa en abril", para o que "quedan apenas 15 días".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.