Pontón pide "aprender dos erros" do Nadal para non caer na "cuarta onda" de COVID

A portavoz nacional do BNG avanzou que levarán unha oferta para "un gran pacto pola ciencia" ao Parlamento de Galicia, que sitúe o financiamento como clave para estar en liña cos países máis avanzados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que é "evidente" que na xestión da pandemia cometéronse " moitos erros e improvisacións", a "última delas" cando se quixo "salvar o Nadal con consecuencias dramáticas".

Por iso, instou ao presidente de Xunta e ao Goberno galego que "aprendan dos erros", porque "está en xogo a vida das persoas e a recuperación económica". "Os pasos que se dean, que non sexan pasos en falso, que non nos leven a unha cuarta onda", instou.

En declaracións aos medios este martes durante unha visita ao Ciqus, Ana Pontón apuntou que o Goberno galego "ten a responsabilidade de non repetir os erros de 'salvar o Nadal'. "Pedimos que se aprenda deses erros, está en xogo a vida das persoas e a recuperación económica", aseverou, antes de insistir en que o Goberno galego "ten a responsabilidade de non repetir os erros do Nadal".

"E se queremos saír desta canto antes, necesitamos realmente que se tomen as medidas necesarias, non só de tipo individual", apuntou Pontón, quen manifestou que "parece mentira que non se reforzou a sanidade pública, que non haxa un número de rastreadores suficientes e que sigamos vendo problemas e defectos na campaña de vacinación". Neste sentido, apuntou tamén a súa preocupación por que cando haxa vacinas suficientes, implantar un dispositivo de vacinación 24 horas ao día, da maneira máis rápida posible.

PACTO POLA CIENCIA

As declaracións da portavoz nacional tiveron lugar no marco dunha visita ao Ciqus, un dos centros de referencia en investigación biomédica. Alí, avanzou que o BNG levará unha oferta para "un gran pacto pola ciencia" ao Parlamento de Galicia, que sitúe o financiamento como clave para estar en liña cos países máis avanzados.

Por iso, propón que se destine a investigación o equivalente ao 2,5 por cento do Produto Interior Bruto (PIB). "Constatamos a importancia da investigación básica en todos os ámbitos", sinalou Pontón, quen fixo unha visita da man dos máximos responsables científicos do centro, José Luís Mascareñas e Dores Pérez.

Tamén visitou o laboratorio do investigador José Martínez Costa, que entre os seus proxectos ten o desenvolvemento dunha vacina anticovid. Así, Pontón destacou a importancia "capital" de apostar pola ciencia e pola investigación.

"Que pasaría se o apoio público á ciencia en Galicia estivese en cifras similares á media europea? Que posiblemente teriamos vacina propia contra o virus, con todo o que iso implica en termos de saúde pública, pero tamén de autonomía na produción dun ben que salva vidas sen estar sometidos á chantaxe de ningunha multinacional farmacéutica", reflexionou a líder nacionalista.

Ana Pontón apuntou que hai que aprender das leccións deixadas pola pandemia, que "non será a última". Unha delas, "moi clara", dixo, "a necesidade de contar cun sistema científico forte en Galicia". Neste escenario encadra a oferta de "un pacto pola ciencia", co que se destine o 2,5 por cento do PIB, e o cal "permitiría dar un paso de xigante se conta co investimento apropiado, pois acabaría coa precariedade dos investigadores, coa falta de medios para dar un impulso á ciencia e permitiría aproveitar todo o potencial do capital humano que hai en Galicia".

Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta