Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/03/2021 | Actualizada ás 21:44
Os concellos de Vilardevóse de Paradela permanecerán desde o día de San Xosé, festivo en Galicia, dentro das restricións máximas para tentar evitar a propagación do coronavirus, un nivel ao que se incorporará desde a medianoite dese venres o municipio ourensán de Maside.
Segundo as normas vixentes ata o momento, neste tres municipios quedarían, desde a medianoite do xoves ao venres, prohibidas as reunións de non convivintes e tampouco estaría permitida a mobilidade fóra do perímetro municipal, mentres que a hostalaría debería permanecer pechada, salvo o servizo de recollida e a domicilio.
Segundo o acordado polo comité clínico na súa reunión deste martes, nos municipios coruñeses de Sobrado, Neda e Arteixo, os pontevedreses de Soutomaior e Pontecesures, e os ourensáns de Boborás e A Mezquita rexerán as medidas de nivel alto.
De manterse as normas vixentes, os habitantes destes municipios só poderían moverse entre concellos deste mesmo nivel e poderían reunirse cun máximo de catro non convivintes. O interior dos locais de hostalaría debería permanecer pechado, mentres que poderían abrir as terrazas cun 50% de aforamento, ata as 18,00 horas.
No entanto, o debate sobre o alcance das restricións durante a Ponte de San Xosé en Galicia, incluída a opción dun novo alivio das medidas impostas para a hostalaría, proseguirá este mércores nunha reunión presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo informa a Xunta, será nunha rolda de prensa convocada sobre as 13,30 horas deste mércores cando o propio xefe do Executivo exporá "o referido a outras medidas" que se acorden, como é habitual cando se producen cambios de calado nas restricións para afrontar a pandemia.
O resto dos concellos galegos queda no terceiro nivel, con restricións de carácter medio, que ata o momento permitían un aforamento do 30% no interior de bares, restaurantes e cafetarías e do 50% nas terrazas, tamén ata as 18,00 horas. Así mesmo, estaba permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non convivintes cun máximo de catro persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.