Arnoia acollerá o primeiro polígono cortalumes destinado a viñedos da provincia de Ourense

A Xunta tamén impulsará outro polígono agroforestal nesta mesma localidade que estará orientado ao cultivo de viñedo.

Por E.P. | OURENSE | 17/03/2021 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

A Xunta comunicou que a localidade de Arnoia acollerá o primeiro polígono devasa da provincia de Ourense, nunha superficie dunhas 60 hectáreas de propiedade municipal na que se fomentará o cultivo de viñedo.

Así o comunicou tras a reunión do conselleiro de Medio Rural, José González, e o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, na que destacaron que con este polígono devasa búscase "achegar solucións na loita contra os incendios forestais" e, ademais, poñer en valor estas zonas.

Desta forma, promoverase a actividade agrícola, gandeira e forestal, mediante criterios sustentables, e, no caso dos usos forestais, coa utilización de especies que reduzan o risco de propagación de lumes. Este intrumento, indicou a Xunta, "terá carta de natureza legal ao amparo da lei de recuperación da terra agraria de Galicia, en trámite no Parlamento".

A maiores, neste encontro abordouse o impulso doutro polígono agroforestal noutra zona de Arnoia dunhas 20 hectáreas, que tamén estará orientado ao cultivo de viñedo.

O alcalde trasladou a súa solicitude de que en ambos os polígonos se dea prioridade á incorporación de novos viticultores "cun compromiso de profesionalización"; ante o que Medio Rural vai deseñar un plan de incorporación destes profesionais "co fin de fomentar o cambio xeracional no sector viticultor da comarca".

Finalmente, na reunión tamén se avanzou nos traballos de consolidación da asociación de propietarios do monte Remuíños, no que as súas 145 hectáreas poranse en valor "a través dun instrumento de xestión conxunta", tamén dentro da futura Lei de recuperación.

Reunión do conselleiro de Medio Rural, José González, e o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio. XUNTA
Reunión do conselleiro de Medio Rural, José González, e o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta