A Xunta sae en defensa de ENCE e dille ao Goberno central que a Lei de cambio climático é "inconstitucional"

Remite un informe da Asesoría Xurídica e pide retirar os artigos cuestionados para evitar "perder 37.000 empregos e 10.000 millóns".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/03/2021 | Actualizada ás 15:21

Comparte esta noticia

A Xunta trasladou ao Goberno central un informe, elaborado pola Asesoría Xurídica autonómica, sobre a Lei de cambio climático, que conclúe, co foco no futuro de Ence en Pontevedra, que o artigo 18.4 é "frontalmente inconstitucional", ademais de determinar que este apartado da norma e o 18.3 son "contrarios á seguridade xurídica".

Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra
Fábrica de Ence Celulosa en Pontevedra | Fonte: Europa Press.

O informe da Asesoría Xurídica foi enviado este mércores polas conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e de Mar, Rosa Quintana, xunto cunha carta, na que lle reiteran á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, que de non proceder á retirada dos artigos 18.3 e 18.4 do proxecto de lei, a súa redacción afectará á seguridade xurídica do tecido empresarial que se atopa no dominio público marítimo terrestre.

"Unha vez máis queremos trasladarlle a nosa preocupación pola inclusión do artigo 18 na Lei de cambio climático. Preocúpanos, especialmente, a redacción dos apartados 3 e 4 e as súas repercusións negativas no litoral galego, onde se realizan actividades respectuosas co medio ambiente que constitúen o modo de vida de miles de familias galegas", arrinca a misiva.

As conselleiras subliñan que o Estado central non cesa no seu obxectivo e pretende agora coa inclusión dos artigos 18.3 e 18.4 na Lei de cambio climático establecer un novo precepto regulador dos títulos de ocupación do dominio público marítimo terrestre.

Segundo explican, a redacción proposta polo Ministerio do artigo 18.4 só podería aplicarse ás concesións anteriores á Lei 2/2013, xa que o artigo 66 da Lei de costas regularía as que se concederon despois desa data e por tanto a duración, de concesión e prórroga, non poderá superar os 75 anos.

Indican, ademais, que é contrario ao artigo 33.3 da Constitución e que "afectaría os dereitos integrados dos afectados", pois veríanse "privados anticipadamente dunha concesión adquirida sen a correspondente indemnización".

MODIFICACIÓN DE DÚAS NORMAS

Por outra banda, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana lembran que esta non é a primeira vez que se lle traslada ao Ministerio as repercusións negativas sobre a regulación dos títulos de ocupación do dominio público marítimo terrestre.

Nesta liña, abundan que a Xunta se mostrou contraria á modificación urxente do regulamento da Lei de costas, coa que se pretendía limitar a duración da prórroga extraordinaria das concesións no dominio marítimo terrestre, fixando a vixencia da concesión en 75 anos a contabilizar desde o momento da concesión inicial.

Segundo se argumentou no seu momento, "o único que fundamentaba esa regulación era un informe xurídico que non tiña en conta a sentenza do Tribunal Constitucional do ano 2015 na que se indicaba que non se podía negar ao lexislador de costas a súa marxe de configuración da duración da prórroga extraordinaria e que non se estaba realizando unha transcrición correcta do Ditame do Consello do Estado sobre o regulamento".

PERDER 37.000 EMPREGOS E 10.000 MILLÓNS

Ditas consideracións --remarca a Xunta-- foron aceptadas por parte do Ministerio, que suspendeu a tramitación da modificación regulamentaria, evitando deste xeito cambios nos títulos de ocupación.

"Desde a Xunta de Galicia solicitamos a retirada dos artigos 18.3 e 18.4 do proxecto de Lei de cambio climático, xa que coa súa actual redacción afectará a seguridade xurídica de todas as industrias situadas na costa galega. E poderá chegar a supor a perda de 37.000 postos de traballo e de 10.000 millóns de euros", conclúen as conselleiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta