Proxectos galegos para os fondos europeos... só Feijóo sabe a quen irán parar

Os 108 proxectos que inicialmente se presentarían para optar aos fondos de reconstrución acabaron só en 44, meses despois do primeiro anuncio. Non se deron explicacións para este recorte tan drástico. Tampouco se describiron os proxectos, as entidades públicas e privadas que participarían no desenvolvemento dos mesmos. A oposición parlamentaria teme que haxa unha manobra que só beneficie a uns poucos e que Galicia “perda un tren” que só pasará unha vez.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A finais de outubro de 2020 non se coñecía nada sobre os supostos 108 proxectos que a Xunta de Galicia presentaría ao Goberno central para optar aos fondos Next Generation. Meses despois, o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, anunciaba que o número de proxectos serían 44. Ademais disto, os empresarios galegos pedían participar nunha mesa público-privada que levase adiante o deseño das propostas galegas. Nin a insistencia do PSdeG puido facer algo para que o Goberno adiantase polo menos nomes de proxectos. O motivo, optar ás axudas faise por concorrencia, leva quen cumpra uns requisitos, non se fai un reparto proporcional segundo territorios. A única resposta foi que a Xunta enviara a Madrid un documento Excel cos 44 puntos, nada máis.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Jaime Villanueva
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez. Jaime Villanueva | Fonte: POOL

OS PROXECTOS

A Xunta sabía que os fondos non se repartirían en base a baremos territoriais, aínda así fixeron un cálculo aproximado de máis de 9.000 millóns” di Juan Carlos Francisco, deputado no Parlamento polo PSdeG. “Segundo nos dixeron desde o Goberno central, a Xunta enviou un documento Excel con 44 proxectos”. Preguntado sobre cales son, o deputado socialista di que desde Madrid non se especificaron nomes nin títulos. Este último punto fai supoñer que a concorrencia competitiva “obriga” a manter o segredo sobre as achegas doutros lugares.

Non obstante, o Excel enviado non fala de proxectos xa decididos senón que é unha manifestación de interese, un paso anterior á confirmación de que proxectos serán aprobados, pois a convocatoria oficial sairá no BOE o mes de abril. O Goberno ademais, podería crear un convenio marco coas autonomías para un reparto “equilibrado”. 

“O vicepresidente segundo, Francisco Conde, presentou diante da Comisión de Reactivación do Parlamento  un power point que non pasaba de 15 folios cheos de obviedades” di a deputada Noa Presas do BNG. Desde o grupo nacionalista denuncian o “escurantismo co que traballa a Xunta neste tema. “Vetan calquera tipo de debate no Parlamento e no Consello Económico e Social o que delata unha actitude de falta de proxecto”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.. XUNTA

Desde a Vicepresidencia Segunda da Xunta sinalan que “nun primeiro momento identificáronse 108 proxectos dos que 44 foron xa presentados ás distintas manifestacións de interese lanzadas polo Goberno até o día de hoxe”. Á parte, Vicepresidencia Segunda engade: “Hai outros proxectos que non se puideron presentar polo momento porque o Goberno segue a lanzar manifestacións de interese. En paralelo, seguen a identificarse novos proxectos e a celebrarse foros sectoriais co tecido empresarial e os centros de coñecemento galegos para avanzar en novas iniciativas”.

O REPARTO

O cálculo de máis de 9.000 millóns da Xunta baseábase no principio de territorialidade, mais cando se anunciou o modelo de concorrencia, “o goberno galego adoptou unha postura de vítima fronte Madrid” di Juan Carlos Francisco. “Buscan unha confrontación con Madrid porque saben que non hai un reparto colaborativo, que estamos noutro xogo” sinala o deputado socialista.

As sospeitas do PSdeG son que a Xunta busca alianzas coas grandes multinacionais (automóbil, téxtil ou madeira), co que por exemplo, podería traer unha fábrica de baterías eléctricas, como a anunciada en Martorell por SEAT. E as PEMES? Entran no plan da Xunta? “Non sabemos nada, como tampouco se sabe se entran os concellos ou se haberá iniciativas público-privadas, privadas e públicas”.

Cremos que hai unha recentralización en Madrid con este reparto ademais de que a Xunta non protesta. Na reunión do 30 de xaneiro Feijóo non falou con Sánchez sobre proxectos para os fondos europeos” di Noa Presas. “Cremos que Feijóo tirará pola súa folla de ruta, biomasa, xurros e hidróxeno para crear enerxía”. Preguntada sobre unha cantidade estimada para Galicia, Presas di que desde o BNG cren que Galicia debera recibir o 9% das axudas para España, divididas nun 6% pola porcentaxe de poboación e un 3% por conceptos como despoboamento, envellecemento e perda de poder industrial.

A Xunta de Galicia ten “reclamado que as CCAA poidan competir en igualdade de condicións polo reparto dos fondos europeos”. De maneira concreta, sinalan sobre a planta de baterías eléctricas “chama a atención que o Goberno chegase a comprometer fondos Next Generation e a súa participación nun proxecto en Cataluña antes mesmo de lanzar a convocatoria de axudas”.

Os Fondos Next Generation parecen non ter animado a unha postura máis aberta por parte do goberno da Xunta. Aínda que existen ferramentas dentro do regulamento parlamentario, como o seu artigo 9, para pedir ao goberno galego que mostre os puntos enviados a Madrid. A maioría absoluta do PP frea as iniciativas amparadas neste artigo 9. A concorrencia competitiva fai sospeitar que, para o acceso ao diñeiro europeo, Feijóo teza alianzas con grandes grupos empresariais, co temor por parte dos outros grupos parlamentarios de que PEMES, I+D+i e outros sectores queden fóra. De momento so hai un documento excel con 44 puntos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta