A Xunta anuncia que a OPE deste ano oferta máis de 600 prazas

O borrador da oferta pública de emprego non inclúe os anexos cos postos desagregados naqueles destinados a acceso libre, consolidación ou estabilización.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2021 | Actualizada ás 19:33

Comparte esta noticia

A oferta pública de emprego da Administración galega para este ano incluirá unha dotación de polo menos 635 prazas. Así se sinala no borrador da orde desta convocatoria que a Xunta remitiu este mércores ás organizacións sindicais, e que se negociará o vindeiro luns no marco da mesa do empregado público.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, avanzara o domingo que o Goberno quere aprobar a OPE leste mesmo mes, unha oferta que complementará a correspondente a 2020 e aprobada o pasado mes de decembro. O borrador menciona o montante de 635 prazas, pero non inclúe os anexos cos postos desagregados naqueles destinados a acceso libre, consolidación ou estabilización.

O texto xustifica a proposta na posibilidade de ofertar unha taxa de reposición do 110% naqueles postos prioritarios (100 en non prioritarios) e calculou as de acceso libre en función do número de xubilacións, falecementos, renuncias, altas ou baixas, entre outras cuestións.

Unha das novidades é a inclusión dunha disposición adicional na que se informa de que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está en trámites de aprobar a relación de postos de traballo, polo que as prazas incluídas nesta oferta poderán redistribuírse en función do resultado deste proceso de valoración.

FALTA DE NEGOCIACIÓN

José Brunete, de CSIF, lamentou que a proposta de prazas resulta "insuficiente", posto que "haberá unha gran cantidade de xubilacións", e instou a aclarar as prazas que se dedicarán á consolidación e estabilización.

Zeltia Burgos (CIG) criticou a "présa" en remitir un documento sen contar cunha proposta efectiva de prazas que se abordará o vindeiro luns e, sobre todo, cando aínda queda "unha chea de cuestións pendentes e que non están solucionadas" antes de que se poida aprobar a convocatoria.

Por iso, atribúe as présas á "falta de negociación efectiva" por parte da Xunta de Galicia, unha cuestión que a propia CIG vén denunciando os últimos anos en cada proceso de impulso dunha oferta pública de emprego.

ESTABILIZACIÓN E CONSOLIDACIÓN

Unha destas cuestións pendentes refírese a a relación de postos de traballo do Consorcio de Benestar. Liño Díaz, de UGT, explicou que aínda faltan polo menos 200 prazas por ser convocadas e que o grupo de traballo conformado polos sindicatos para detallar esta listaxe arrincou fai uns 15 días.

Neste sentido, UGT pedirá unha "aclaración" tanto nesta materia como con aquelas prazas subscritas ao acordo de concertación asinado con CC.OO, posto que o texto non inclúe as relativas a consolidación nin a estabilización.

Finalmente, Emilio Doforno (CC.OO) avanzou que instará á Xunta a que se amplíe "ao máximo" a taxa de reposición e se incrementen aquelas de promoción interna, posto que estes efectivos non consomen as de acceso libre.

Así mesmo, solicitará que se inclúan todas as prazas pendentes de consolidación e estabilización ao amparo do acordo subscrito xunto con UGT, unha parte "importante" da oferta e que "aínda está sen contabilizar" a maiores das citadas 635 prazas que inclúe o borrador.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, durante a súa visita ás oposicións celebradas no recinto feiral de Silleda. XUNTA
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, durante a súa visita ás oposicións celebradas no recinto feiral de Silleda. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta