Temas: EMIGRACIóN

Aumenta a poboación galega no exterior até 523.856

Arxentina segue sendo o país con máis emigrados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A poboación galega no exterior subiu en 184 persoas ao 1 de xaneiro de 2021, ata 523.856, tras caer os nados en Galicia que residen fóra pero soben os descendentes. Así o recollen os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE) do padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto coa colectividade do Centro Galego De Montevideo (Uruguai)
Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, nun acto coa colectividade do Centro Galego De Montevideo (Uruguai) | Fonte: Xunta de Galicia.

Pola súa banda, a Xunta destaca que o número de emigrantes galegos continúa a tendencia á baixa ao caer, en concreto, en 2.349 persoas ao 1 de xaneiro de 2021.

Mentres, resalta que é a poboación galega total que reside no exterior a que aumenta, ata sumar 523.856, pois o que soben son os descendentes de cidadáns galegos que viven no estranxeiro e que, segundo precisa a Xunta, xa naceron no seu país de destino.

En resumo, segundo o último dato, residen 184 galegos máis que o ano pasado no exterior, pero o número de emigrantes nados en Galicia que viven no exterior cae nesas 2.349 persoas e sitúase na actualidade en 147.868.

POR PAÍSES

O país que rexistra un maior incremento de poboación galega é Arxentina, que conta cunha maior presenza histórica galega, segundo sinala a Xunta, con 508 residentes máis para sumar 181.416.

Venezuela pon o contrapunto a esta tendencia cunha diminución de 968 cidadáns galegos, ao pasar de 33.278 ao 1 de xaneiro de 2020 a 32.310 este ano.

O continente americano perde desta forma 371 galegos e suma 406.651, mentres o europeo aumenta a súa poboación de orixe galega noutras 568 persoas, ata 112.693.

A Arxentina séguelle Brasil con 49.539 e Cuba con 44.283. Suíza superou en 2020 na cifra de galegos a Uruguai, con 41.169 fronte a 40.541. Venezuela mantense no sexto lugar, con 32.310, por diante de Estados Unidos con 23.175, Francia con 19.340, Alemaña con 17.600 galegos e o Reino Unido con 15.496.

Temas: EMIGRACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta