Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2021 | Actualizada ás 17:51
CIG e CSIF presentarán unha demanda xudicial contra a Xunta porque "leva 10 anos sen convocar o concurso de traslados do persoal laboral", o que, dixeron, supón un "reiterado incumprimento do convenio colectivo".
Nun comunicado, as centrais sindicais, que tomaron esta decisión tras as "reiteradas solicitudes" presentadas, remarcaron que o convenio "establece que os concursos serán convocados anualmente"; con todo, a Xunta leva unha década "sen convocar un concurso para o persoal laboral".
Así, aseguraron que o persoal laboral do grupo V "leva sen convocatoria do concurso de traslados desde o ano 2011", e no caso dos grupos I a IV, "desde o ano 2012". Esta situación, denunciaron, provoca "gravísimos prexuízos aos traballadores" e ademais desemboca en "graves incumprimentos da normativa vixente".
"É incomprensible que a Xunta pretenda convocar e resolver procesos de funcionarización ou procesos selectivos de acceso libre, estabilización ou de promoción interna sen convocar previamente un concurso de traslados que garanta os dereitos dos traballadores á mobilidade e o cambio de categoría", remarcaron.
"Temos abundantes exemplos, como a adxudicación en destino provisional de postos de traballo ás persoas aspirantes que superaron procesos de acceso libre ou promoción interna, cando o convenio colectivo establece taxativamente que ten que ser destino definitivo", selaron.
A todo iso engadiron que, "coa non convocatoria dos concursos de traslados, a Xunta tamén está a incumprir o acordo sobre o incremento de prazas da OPE 2016", que establece que a Administración debe "convocar un concurso de traslados para persoal laboral fixo dos grupos IV e V antes da toma de posesión do novo persoal das categorías convocadas na OPE de 2016".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.