Galicia busca solucións á crise turística: reter os que viaxan fóra, innovación tecnolóxica e sustentabilidade, claves

A pandemia prexudica máis o turismo local en Galicia que en Madrid ou Cataluña, segundo un estudo. A Xunta busca mediante o programa de innovación 'Turislab' un impulso de cara ao 2022. Expertos consideran que o da Ribeira Sacra é un bo modelo a seguir para recuperar o turismo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é a undécima autonomía na que a pandemia castiga máis o turismo interno. As previsións son que o turismo nacional caia aquí un 41,48 %, 18 puntos menos que en Canarias, para a que se prevé a maior caída en España (59,40 %), pero un punto máis que Cataluña (40,23 %) e seis máis que Madrid (35,29 %), autonomías con maior peso turístico que a galega.

Praia na Mariña (Lugo)
Praia na Mariña (Lugo) | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo.

Segundo cálculos de economistas da Universitat de les Illes Balears, tras analizar a perda máxima esperada de pernoctacións nas comunidades autónomas, as baixadas máis pequenas no turismo local prevense para Andalucía e Aragón (35,14 % en ambas as dúas) e a Comunidade de Madrid (35,29 %).

A redución das pernoctacións domésticas esperadas xen Galicia está practicamente á par que a media estatal, calculada no 42,64 %

No lado oposto, as máis prexudicadas son Canarias e Castela e León, coas maiores perdas previstas (59,40 % e 58,77 %, respectivamente).

Da metade cara abaixo aparece Galicia, no undécimo posto, cunha caída prevista do turismo interno do 41,48 %, moi próxima a Navarra (41,95 %).

A redución das pernoctacións domésticas esperadas xerada polo covid-19 en Galicia está moi lixeiramente por debaixo da media estatal, calculada no 42,64 %.

REORIENTAR O TURISMO

Con todo, os analistas cren que “esta perda pode compensarse considerablemente” se se logra reorientar os turistas que buscan destinos exteriores cara ao mercado estatal. De conseguilo, estiman que a redución das pernoctacións podería caer considerablemente menos, arredor dun 24 % de media en España.

“Supoñendo unha situación moderada na que España consegue reorientar o 50 % do seu turismo de saída cara ao mercado interior, o turismo nacional ten o potencial de xerar o 35,6 % do total de pernoctacións previas á crise en España”, explican os economistas.

Porén, esta cifra “varía significativamente” entre autonomías: “Por exemplo, se as comunidades logran atraer o 50 % do turismo de saída, as viaxes domésticas poden xerar ata o 67 % das pernoctacións previas á crise en Aragón e ata o 70 % en Castela-A Mancha. No resto de comunidades, esta taxa variará entre o 30 % e o 60 %. Canarias e Baleares son excepcións notables, porque o turismo interno xerará potencialmente só o 9,6 % das pernoctacións previas á crise nestas comunidades”, detallan.

En conxunto, os analistas consideran que os seus resultados “mostran que o impacto negativo da covid-19 no turismo nacional español é considerablemente alto”, cunha caída das pernoctacións do 42,64 %.

Os datos colocan a Galicia como oitava autonomía con maior potencial para paliar a caída das pernoctacións 

Ao calcular o impacto desa reorientación do turismo de saída cara ao local, considerando situacións pesimistas, moderadas e optimistas nas que se reorientan o 0 %, o 50 % ou o 100 % destes turistas, os datos colocan a Galicia como oitava autonomía con maior potencial para paliar a caída das pernoctacións previas á crise sanitaria.

No escenario moderado, cunha captación da metade dos turistas que viaxan ao exterior para a oferta local, Galicia rexistraría un chisco máis da metade das pernoctacións precrise, por enriba da media estatal, no 35,6 %.

“O turismo interno pode ter máis ou menos potencial para proporcionar alivio á industria turística. Supoñendo unha situación moderada na que España consegue reorientar o 50% do seu turismo de saída cara ao mercado interior, o turismo nacional ten o potencial de xerar o 35,6 % do total de pernoctacións previas á crise”, detallan os economistas

A cifra varía significativamente entre comunidades, desde o 67 % en Aragón ou 70% en Castela-A Mancha (serían as máis beneficiadas por esa reorientación), até o 9, 6% en Canarias e Baleares, as máis prexudicadas pola súa altísima dependencia dos turistas estranxeiros.

En definitiva, e en conxunto, “o impacto negativo da covid-19 no turismo nacional español é considerablemente alto”, cunha redución das pernoctacións que se estima que sexa de “aproximadamente o 42,64 % no nivel de confianza do 99 %”.

DATOS DUN ANO ANÓMALO

Galicia pechou 2020 mantendo o oitavo posto no que se situaba antes da pandemia na clasificación das comunidades autónomas con maior número de noites nos establecementos regulados, segundo datos da Xunta tomados do Instituto Nacional de Estatistica (INE). En total, rexistráronse 4,7 millóns de pernotacións e case dous millóns de viaxeiros no territorio galego (nacionais e estranxeiros), o que supuxo unha caída do 61% respecto ao ano 2019, mentres que a media estatal caeu un 66%.

O maior peso da demanda turística mantívose no litoral, nas provincias de Pontevedra e A Coruña, que captaron o 80% do total da demanda, cun volume do 43% e do 37%, respectivamente, seguidas por Lugo (12%) e Ourense (8%).

Galicia situouse como sétima autonomía en recepción de visitantes do estranxeiro en 2020: no turismo estatal, Madrid é a principal fonte de turistas 

O 90% dos viaxeiros que visitaron Galicia en 2020 foron de orixe estatal, sendo Madrid a principal fonte de visitantes en Galicia. Portugal, pola súa banda, mantívose como o principal país emisor do turismo estranxeiro, que caeu un 80% polas restricións internacionais por mor da pandemia.

A enquisa de movementos turísticos en fronteiras (Frontur), con datos relativos á entrada en España de visitantes non residentes, contabiliza 544.456 visitantes estranxeiros en Galicia o pasado ano. Isto supón unha caída do 66,49% respecto a 2019, cando se obtiveron cifras récord de 1.624.711 visitantes foráneos.

Con estas cifras, Galicia situouse como sétima autonomía en recepción de visitantes do estranxeiro, por debaixo de Cataluña (3.875.947), Canarias (3.787.456), Andalucía (2.704.566), Comunidade Valenciana (2.548.993), Baleares (1.721.680), Madrid (1.707.231).

Con todo, a galega foi unha das autonomías con menor caída porcentual do turismo foráneo. Só Navarra (-64,66, Estremadura (-66,40), Castela-A Mancha (-63,08) e Castela e León (-66,29) sufriron menos perdas porcentuais. A caída media estatal foi do 77,30

INNOVAR OU 'MORRER'

Ninguén sabe aínda como se desenvolverá este 2021 no sector turístico, que practicamente xa da por descartada a Semana Santa e pon todas as súas esperanzas no verán. Todo dependerá de como evolucione o plan de vacinación –moi lento, até agora– e das responsabilidade gobernamental e social para evitar unha cuarta onda de covid-19, trala desastrosa campaña de Nadal, na que se priorizaron as festas fronte á saúde pública, o que resultou na peor onda vivida até agora, con máis contaxiados, máis ingresos en UCI e máis mortos.

De cara a un escenario optimista para 2022, vén de crearse 'Turislab', a primeira aceleradora de turismo de Galicia, que seleccionará dez ideas innovadoras para o impulso do turismo no territorio galego e axudar á recuperación do sector.

Segundo a Xunta, trátase dun proxecto "pioneiro" e "ilusionante" que se basea na competitividade, co ánimo de "escoller as mellores ideas",

Esta primeira aceleradora galega de turismo nace co obxectivo de crear un ecosistema aberto e unha rede de recursos para proxectos innovadores e de alto impacto na sociedade especializados no turismo sustentable e de calidade.

A Xunta busca mediante o programa 'Turislab' ideas innovadoras relacionadas coas novas tecnoloxías, a sustentabilidade, o Xacobeo e a xeración de emprego no sector turístico

O seu director, David Villar, destacou que o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, na Barcia, ofrecerá "todas as ferramentas que precisen os emprendedores e os proxectos para mellorar a súa aposta a fin de garantir o éxito".

Na primeira fase haberá unha preselección de 15 proxectos, que terán un plan de formación cara á presentación nunha xornada da que sairán os 10 finalistas.

Na segunda fase, a ‘Pre-Academia’, as 15 startups escollidas recibirán durante cinco semanas todo o soporte necesario para dar forma a súa idea. Tras ese período de traballo intenso, poderán presentar o seu traballo no gran ‘Demo day’, do que saíran os finalistas, que pasarán á seguinte fase, accedendo á Academia Turislab, na que durante 7 meses contarán coa formación e mentorización necesaria para dar vida ao seu proxecto e facelo realidade. Novamente os participantes poderán presentar o seu progreso no ‘Demo Day’ final.

O programa rematará en decembro deste ano con outra sesión e unha xornada dedicada a eventuais investidores, na que os proxectos máis destacados recibirán o seu recoñecemento e poderán contactar con particulares e empresas interesados en dar soporte á súa idea. Será a chamada fase ‘Investors day’, na que ademais haberá entrega de premios e distincións.

Os proxectos clasificaranse en seis categorías: Gastro Tech, para proxectos 360º do sector gastronómico (produto, restauración, cultura e turismo); Travel Tech, para a transformación dixital do turismo, as viaxes e as experiencias; Social Tech, para ideas innovadoras para a conexión entre o dixital e a sociedade; Infraestructure Track, para facer máis accesible o turismo extremo e de ocio, e crear infraestruturas para iso; Camiño de Santiago, para mellorar o seu valor diferencial, e finalmente, Sostibilidade, para proxectos enfocados a asegurar un desenvolvemento sustentable no sector turístico.

Búscanse, en definitiva, ideas innovadoras relacionadas coas novas tecnoloxías, a sustentabilidade, o Ano Santo –que se prolongará durante 2022– e a xeración de emprego. Os proxectos tamén poden ser foráneos a condición de que a idea sexa desenvolvelos en Galicia.

RIBEIRA SACRA, UN EXEMPLO A SEGUIR

De cara a ese novo turismo co que recuperar o sector, a Ribeira Sacra pode ser un exemplo a seguir para outras zonas de Galicia.

“Se viaxar a partir de agora vai implicar unha maior conexión coas paisaxes rurais e o patrimonio cultural dos territorios, a Ribeira Sacra é especialmente axeitada”

Segundo un estudo recente de investigadores da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) e da Universidad a Distancia de Madrid, “os recursos turísticos da Ribeira Sacra reúnen os compoñentes básicos para que poidamos afirmar que estamos ante un exemplo significativo de sustentabilidade”.

“Se viaxar a partir de agora vai implicar unha maior conexión coas paisaxes rurais e o patrimonio cultural dos territorios, esta zona de Galicia é especialmente axeitada”, salientan os autores, Luis Gómez Encinas e Olga Martínez Moure.

Os expertos enmarcan a súa análise na crise causada pola pandemia de covid-19, “un momento sen precedentes nas nosas sociedades contemporáneas” no que “debemos buscar outras formas de revisar determinados lugares”, explican.

Na súa opinión, ese turismo máis a modo, máis profundo e máis sostible “pode chocar cos paradoxos dun sistema onde prevalecen as estratexias de mercadotecnia e a prestación de servizos”, advirten. Con todo, nesta “nova etapa que se abre nesta segunda década do século XXI, quizais sexa o momento de revisar certos lugares, despoxándonos dos enfoques do turismo de masas”, comentan.

Nese sentido, conclúen, “o potencial turístico da Ribeira Sacra está fóra de toda dúbida, así como os seus plans públicos e iniciativas privadas para orientar o destino cara a un modelo de turismo non masivo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta