Temas: NAVANTIA XUíZO

Aprazado o xuízo dunha aspirante a un posto en Navantia que foi excluída por "exceso de coñecemento profesional"

Un xuíz de Ferrol estima que hai que citar a todas as persoas contratadas a través de dita convocatoria.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O xuízo que estaba previsto celebrar na mañá deste xoves, 18 de marzo, nos xulgados de Ferrol, tras a denuncia presentada por unha muller que foi excluída pola empresa naval pública Navantia nunhas probas para contratar a persoal, argumentando "exceso de madurez persoal e exceso de coñecemento profesional", foi aprazado, ao estimar o xuíz que é necesario citar a todas as persoas que foron contratadas a través de dita convocatoria.

Delegación de CXT ás portas do xulgado de Ferrol.
Delegación de CXT ás portas do xulgado de Ferrol. | Fonte: Europa Press

Minutos antes da hora á que estaba fixada a vista, integrantes da Sección sindical da CXT no estaleiro de Ferrol concentráronse ás portas do edificio xudicial para trasladarlle o seu apoio á afectada e para denunciar "a arbitrariedade e subxectividade con que actúa a dirección de Navantia nos procesos de selección".

"Imos seguir denunciando todos os abusos e loitando por uns procesos de ingreso obxectivos e xustos, como corresponde a unha empresa pública", advertiu o sindicato.

Desde o sindicato trasladouse que na proba de dinámica de grupo que tiveron que pasar os admitidos nestas 42 prazas, a de universitarios junior na convocatoria de 2019, "avaliáronse sete aspectos diferentes, podendo obterse en cada un deles unha puntuación que ía de 0 a 3 puntos".

Segundo explica, dos 127 admitidos para realizar a avaliación, sete obtiveron a puntuación máxima, é dicir, 21 puntos, mentres que outros seis, entre os que está a muller excluída por Navantia, obtiveron 20 puntos".

"Estariamos cunha das trece mellores notas entre un total de 127 persoas para cubrir 42 prazas, pero Navantia exclúea do proceso", remarcou, antes de engadir que a xustificación foi que a aspirante tiña "exceso de madurez persoal e exceso de coñecemento profesional".

Pola súa banda, fontes de Navantia aseguraron que "este proceso de selección realizouse de forma adecuada, de maneira transparente e observado polo comité de empresa". Tamén detallou que "esta era unha convocatoria para técnicos superiores júnior, á que se presentaron 841 persoas e das que conseguiron praza 42".

Desde a empresa naval pública incidiron que "esta candidata non se axustaba ao perfil júnior" e que, ademais, "as 42 persoas seleccionadas están a traballar na empresa desde o mes de xullo" de 2020.

Temas: NAVANTIA XUíZO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta