Xunta e USC amplían catro anos a súa colaboración para a investigación e fomento da lingua galega

O acordo conta cun investimento total de 825.360 euros, dos que o Goberno galego achegará 480.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta deu luz verde ao convenio plurianual coa Universidade de Santiago (USC) a través do que o Goberno galego renova a súa colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILG) para a investigación e o fomento da lingua galega.

Atlas Lingüístico Galego
Atlas Lingüístico Galego | Fonte: ILG.

Trátase dun convenio de catro anos, fronte aos convenios de dous anos asinados ata o momento, co que a Xunta dá maior estabilidade e consolida a súa colaboración cos equipos de investigación da USC para avanzar nos estudos científicos sobre o galego.

Deste xeito, o acordo permitirá avanzar no coñecemento do uso do galego entre a xente nova, así como dar continuidade, consolidar e emprender novas investigacións sociolingüísticas.

A Xunta sufragará o 58% do investimento para tres liñas de investigación nas que o ILG traballa nos últimos anos. Así, seguirase traballando no Atlas Lingüístico Galego, unha ferramenta para os investigadores que permite coñecer e actualizar a realidade lingüística de Galicia desde o punto de vista gramatical e léxico nas distintas partes de Galicia.

Tamén se profundará no estudo do uso do galego nas novas xeracións. Neste sentido, continuarase cos estudos realizados nos últimos anos sobre a competencia escrita en lingua galega do alumnado de bacharelato. Ademais, levarán a cabo investigacións sobre as interaccións da xente nova en redes sociais ou en Whatsapp e Telegram, así como sobre o mantemento e a transmisión da lingua nas familias.

Do mesmo xeito, continuarase investigando no patrimonio literario na historia. Así, consolidarase a base de datos documental desde a que se poderán pór en marcha, entre outros, proxectos e investigacións interdisciplinares sobre a lingua, o notariado e outros ámbitos da escritura da Galicia medieval.

O acordo desenvolverase desde 2021 ata 2024 e conta cun investimento total de 825.360 euros, dos que o Goberno galego achegará 480.000 euros. A colaboración enmárcase no traballo da Xunta pola dinamización e promoción da lingua galega en todos os ámbitos sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta