Comesaña advirte que Galicia non superou a terceira onda a pesar de certas aperturas

Cre "positivo" que a máscara se siga usando nalgunhas profesións e é partidario de implantar a transparente en colexios se "é factible" "Non tería sentido manter os persoais de reforzo. Se a demanda se reduce, habería que orientalas a outras necesidades", sinala

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2021 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (Vigo, 1968), chegou ao departamento autonómico do Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo antes da segunda onda da pandemia por SARS-Cov-2 e cunha Galicia cos índices máis baixos de inmunización pola baixa taxa de infectados antes do verán. Advirte que á terceira onda, que tivo o seu pico de contaxios o 22 de xaneiro de 2021, a sanidade pública galega chegou peor que á anterior: "Na segunda partiamos dunha situación basal moi boa en recursos hospitalarios, pero na terceira non foi así, empezou cando estabamos no rango dos 60 pacientes na UCI".

"Non me atrevo a dicir que a terceira onda (acabou)... evidentemente pasou, pero os efectos seguen", advertiu cando arrinca unha ponte de San Xosé con restricións que, recoñece, suporán un "esforzo" para os galegos, pero que son clave para evitar o avance de contaxios. "Traballamos intensamente para que non (haxa cuarta onda). Creo que todo o esforzo que imos facer na ponte e en Semana Santa vai encamiñado a iso, a esa contención", subliñou, nunha entrevista concedida a Europa Press, na que admitiu que, "por números epidemiolóxicos (baixa taxa de inmunización)", Galicia podería chegar a esa situación.

Comesaña rexeita "crear falsas expectativas" sobre a Semana Santa e sobre se haberá outras medidas de 'alivio'. "Eu aplicaría a prudencia, non hai que crear falsas expectativas sobre posibles melloras nin sobre posibles cambios", avisou o conselleiro, partidario de, iso si, "buscar o equilibrio, difícil", entre as restricións e actividade económica e social.

Discute moito co vicepresidente Rueda --que ten as competencias de Turismo--?, é preguntado. Tras intuírse un sorriso baixo a máscara, móstrase rotundo ao asegurar que "non". "A relación é estupenda e reunímonos con moita frecuencia, coa conselleira de Emprego e cos sectores (afectados). Hai que ser sensibles a todas as percepcións de todos os sectores e tomar decisións coñecéndoas", expuxo o titular de Sanidade, quen indicou que o obxectivo é "manter" os niveis de incidencia, que actualmente se remontan a datos "de agosto", con "unha pequena marxe e estar moi atentos".

CORENTENAS E PROTOCOLOS

Na entrevista con Europa Press, Comesaña afirma que "aínda é pronto para alterar" os protocolos das corentenas, porque "hai varios factores", como as "variantes" que "alteran lixeiramente os prazos". "Estase mesmo debatendo se as corentenas, á vista das variantes, terían non só que non diminuír, senón aumentar. Está a exporse se no canto de dez días, habería que pasar a 14", remarcou.

Deste xeito, e baixo o "principio de prudencia", séguense facendo test semanais nas residencias de maiores, "grazas" aos que se detectou "algún brote non esperado". "Por tanto, máxima seguridade e relaxar (protocolos) cando sexa moi evidente que se poidan relaxar. Mentres tanto, seguimos aplicándoos con moita cautela", esgrimiu, para soster, a continuación, que "a curto prazo" non ve "un cambio nas corentenas".

Sobre se hai medidas que se implementaron en distintos ámbitos como o educativo ou profesións nas que deba pervivir a máscara (por exemplo, persoal de cociña ou que traballa moi próximo a clientes), entende que "probablemente si". "Esta situación vainos a levar durante un tempo a que os hábitos de seguridade que adoptamos manteñámolos. E creo que será positivo", reflexionou.

En canto ao uso de protección nos centros educativos, especialmente en ensino de linguas ou aprendizaxe da fala dos pequenos, o conselleiro de Sanidade entende que haberá que adaptarse "a certas situacións especiais" e mostrouse partidario da máscara transparente na docencia para estes contextos. "Tampouco é que haxa gran subministración deste tipo de máscaras, pero se as hai, e é factible, e son alcanzables e non hai problema de acceso a este produto, eu non descartaría que se fose adaptando progresivamente (o sistema educativo)", apostou.

Entrevista a Xullo García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS
Entrevista a Xullo García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta