O Sergas abre a porta aos que rexeiten a vacina de AstraZeneca pero quedarán para final do proceso

Só reconvocará xa a quen non se vacinou con Astrazeneca por fallar a citación e estudará o rexeitamento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2021 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

"Hai que distinguir entre o que non quixo vacinarse por motivos persoais claros ou aqueles a os que a mensaxe non lles chegou, aos que é fundamental volver citar". Así de rotundo mostrouse o conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña (Vigo, 1968), nunha entrevista concedida a Europa Press na que explicou os plans de vacinación do Sergas e as liñas que seguirá para avanzar no proceso de inmunización.

Nela, tamén defendeu a decisión de seguir adiante coa vacinación masiva do pasado fin de semana (13 de marzo). "A decisión tómase en base a informes (da EMA e a Axencia Española), evidentemente un sempre pode pensar en varias alternativas non?. Pero cando se apoia en informes técnicos oficiais, é relativamente máis sinxelo, non vou dicir fácil", xustificou.

Na entrevista concedida a Europa Press, Comesaña trasladou que o Sergas ten previsto volver citar de forma inmediata a aquelas persoas que non acudiron á chamada do pasado fin de semana porque o sistema de aviso "fallou" e, por tanto, non recibiron de forma correcta a información. Ademais, revelou que "realiza un estudo" dos motivos das ausencias e os rexeitamentos á vacinación, tanto as negativas a recibir as doses de Astrazeneca, cuxa vacinación está previsto que se retome a próxima semana tras a suspensión temporal, como as declinacións do persoal sanitario.

Aqueles que decidiron non ser administrados, serán "etiquetados" no sistema de saúde pública coa referencia ao rexeitamento e, unha vez que finalice o proceso de inmunización, serán chamados, asegurou o conselleiro. Se "cambian de opinión", poderán comunicar esta decisión no seu centro de saúde, pero o conselleiro explicou que só se volverá a citar de forma inmediata a aquelas persoas que non acudiron polos problemas técnicos.

UNHA "PROBA" DO FUNCIONAMENTO DO SISTEMA

A citación para recibir a primeira dose da vacina de Astrazeneca a preto de 19.000 persoas de entre 50 e 55 anos foi, en palabras do conselleiro, unha "proba de concepto", "algo máis", mesmo. "Un ensaio para o sistema de chamamentos masivo, unha das pezas importantes desta proba", explicou. O "obxectivo" deste sistema é contar con "información fiable" sobre se a persoa convocada "recibiu a mensaxe" e se acudirá ou non á cita para "garantir que non haxa que retornar ningunha dose".

Comesaña indicou que se detectou que "non todos os galegos" recibiron a chamada de confirmación da cita e, por tanto, "está a facerse un estudo dos que non acudiron, para comprobar o motivo". "Se non recibiron a chamada, non viron a mensaxe ou teléfono estaba mal, por suposto vólveselles a chamar. Dos que conscientemente non foron, rexistramos esa renuncia e quedan pendentes de ser chamados", explicou.

O conselleiro de Sanidade rexeitou que sexa unha 'penalización' a quen por 'medo' non quixese porse a vacina da mencionada farmacéutica: "Non se saca da lista, o que pasa é que se lle ofrecerá a outras persoas. "Se alguén dixo que non quere porse esta, teremos que seguir adiante. Se este cidadán di que o pensou mellor e quere vacinarse, estará aberto un proceso para poder incorporarse", esgrimiu.

É máis, insistiu en que "en calquera momento pode solicitala". "Ou unha vez finalizado (o plan de inmunización) e teñamos unha serie de persoas que renunciaron, o lóxico será volver dicirlles 'vostede renunciou, quere agora vacinarse?'", expuxo.

O conselleiro, que lembrou que esta situación xa se deu "cos profesionais médicos", sostivo que "o lóxico é que, se alguén non quere porse a vacina, que diga expresamente que renuncia". "Tampouco vai ser obrigatorio que nolo diga. Claramente se se lle chama varias veces e non acode, o etiquetaremos como que renunciou", sentenciou.

Con todo, Comesaña aposta por "saber os motivos", como tamén se lles preguntou aos sanitarios. "E, por exemplo, se é un tema de información, pois mellorala; e se é polo tipo de vacina, coñecelo tamén é bo para optimizar o número de persoas que se inmunizan".

Entrevista a Xullo García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS
Entrevista a Xullo García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta