O BNG defenderá no Parlamento unha lei para que "ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica"

A chamada 'Lei Anxos Alvariño' busca alcanzar unha "igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante" en organismos de investigación e I+D+i.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2021 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia acollerá esta semana, entre mércores e xoves, un novo pleno no que o BNG defenderá a toma en consideración da que chaman 'Lei Anxos Alvariño', para que "ningunha muller teña que escoller entre ser nai ou científica".

Así o explica a deputada nacionalista Olalla Rodil, quen afirma que esta proposición lexislativa, que modifica a normativa autonómica anterior nesta materia, busca "acabar coa discriminación que a día de hoxe sofren as mulleres investigadoras en Galicia".

Segundo as súas palabras, sofren unha "penalización" nas convocatorias públicas "polo feito de ser nai e coidar á súa filla ou ao seu fillo". Así, esta 'Lei Anxos Alvariño' busca introducir mecanismos para evitalo. E é que todo iso provoca unha "discriminación por razóns de xénero", engade Rodil, que leva unha perda de "talento e valor fundamental para o desenvolvemento social, económico e cultural" de Galicia.

Segundo cifras do BNG, na Comunidade galega "apenas o 27 por cento das universitarias cursan carreiras científicas ou técnicas", mentres que "só dúas de cada dez cátedras" do Sistema Universitario Galego (SUG) están ocupadas por mulleres.

MEDIDAS

Neste contexto, o Bloque destaca que o texto que defenderá na Cámara recolle medidas que garantan unha "igualdade que a día de hoxe a Xunta non garante" no acceso ás convocatorias de investigación, organismos e entidades do sistema galego de I+D+i.

De feito, Rodil explica que a proposta lexislativa pon o foco na discriminación por maternidade, á vez que aposta por "dar visibilidade" ao traballo das investigadoras coa creación de cátedras de xénero, cun apoio á participación en órganos colexiados e potenciando a vocación científica das mulleres.

"É unha proposición de lei pioneira para seguir avanzando nunha sociedade máis xusta e democrática", resume a deputada nacionalista.

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa. BNG
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta