Solla di que a candidatura de Yolanda Díaz en Unidas Podemos ten que ser decidida "polas organizacións"

A coordinadora nacional de EU cre que Yolanda Díaz "demostrou dabondo" a súa capacidade para afrontar as responsabilidades dunha vicepresidencia

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 22/03/2021 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, manifestou que a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, "demostrou dabondo" a súa "capacidade" para facer fronte ás responsabilidades dunha vicepresidencia. Ademais, considerou que o "bo traballo" que está a facer "terá peso" para que poida ser candidata de Unidas Podemos ás próximas eleccións xerais.

Así se pronunciou este luns ao ser preguntada por estas cuestións durante un acto en Vigo, no que remarcou que o labor que Yolanda Díaz está a facer á fronte da carteira de Traballo "foi moi importante para combater o impacto da crise do covid-19". Neste marco, apuntou que se ocupa unha vicepresidencia "seguramente fará un moi bo traballo".

Así, dixo que espera que este cambio sexa "positivo, na medida en que a situación que enfronta o país é moi complexa e require non só de ideas ou ganas de traballar, senón tamén de seriedade á fronte desas responsabilidades". "Creo que Yolanda Díaz demostrou dabondo que ten capacidade para facer fronte a esas responsabilidades", selou.

A continuación, ao ser cuestionada porque o aínda vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, propuxese a Díaz como futura candidata de Unidas Podemos ás próximas eleccións xerais, Solla indicou que "serán as organizacións políticas, antes do proceso electoral, as que decidan cales van ser os candidatos e que postos van ocupar". En todo caso, fixo fincapé en que Yolanda Díaz "desde logo está a facer un bo traballo" e iso "seguro que terá peso nesa decisión".

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida-Esquerda Unida, en rolda de prensa este luns
Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida-Esquerda Unida, en rolda de prensa este luns

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta