Declaran 'persoa non grata' na cidade de Pontevedra ao presidente de Ence co voto en contra do PP

Desde o PP local defenden "os postos de traballo" e, no caso de que chegue outra empresa que garanta o emprego que xera a pasteira nas mesmas condicións, proclaman "que lle dean por saco a Ence"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2021 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

O pleno da Corporación municipal de Pontevedra declarou este luns 'persoa non grata ao presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares e Brunet. A sesión plenaria celebrada este luns aprobou esta declaración cos votos a favor dos dous grupos proponentes e que conforman o goberno, BNG e PSOE. Tanto o PP como o concelleiro non adscrito, Goyo Revenga --ex de Ciudadanos--, votaron en contra.

Durante o debate, o concelleiro do BNG César Mosquera responsabilizou a Colmenares de "dirixir e permitir" o "escrache violento" sufrido polo alcalde, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, e varios membros do seu goberno por parte dun grupo de traballadores da empresa de celulosas o pasado 11 de marzo. Un acto de protesta no que houbo "risco real" para a integridade física do rexedor.

Mosquera cualificou aqueles feitos como "Ence borroka" e considera que "se pisaron todas as liñas vermellas" ao ter que saír os representantes municipais escoltados pola Policía Local. Ademais, o edil nacionalista desvelou que o presidente de Ence remitiu unha carta ao alcalde de Pontevedra na que, sen mencionar aquel "asalto", lamenta que o nomeen como 'persoa non grata' por un vídeo --insiste-- "sacado de contexto".

Naquel polémico extracto, Colmenares advertía que a planta de Lourizán podería dar "un susto maiúsculo ambiental en calquera momento, que pode afectar, ademais, ás persoas" pola falta de investimentos.

Pola súa banda, o tenente de alcalde e concelleiro socialista Tino Fernández criticou que Ence decidise "recrudecer" a súa estratexia para "influír" na opinión pública contando coa "conivencia" do PP, "que asume as teses da empresa como dogmas de fe" e do sindicato CC.OO., que actúa como "mamporreros" dunha empresa á que "non lle interesan os traballadores nin a cidade", senón tan só os seus beneficios. De igual modo, o portavoz local do PSOE asegurou que naquel polémico vídeo difundido hai semanas Ignacio de Colmenares "reflectiu a verdadeira cara da empresa e sen filtros".

O PP DESVINCÚLASE DO ESCRACHE

En fronte, o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, desvinculouse dos actos violentos e escraches que, segundo dixo, son "de todo punto inaceptables". Neste sentido, Domínguez condenou reiteradamente "calquera tipo de violencia" e reprochou que se lle acusase "sen probas" de instigar aqueles incidentes, asegurando que dimitirá "se presentan algunha proba".

O dirixente popular asegurou que o seu partido "defende os postos de traballo" e, no caso de que chegue outra empresa que garanta o emprego que xera a pasteira nas mesmas condicións, proclamou "que lle dean por saco a Ence". O portavoz do PP tamén incidiu en que a declaración de 'persoa non grata' ao presidente de Ence resulta "pouco apropiada" ante unha posible mesa de negociación na que "el vai ter que estar sentado nela".

MOCIÓN PARA O "TRASLADO" DA FACTORÍA

Nesta mesma sesión plenaria, tamén se aprobou outra moción do goberno local instando á empresa Ence, á Xunta e ao Estado a "traballar de maneira conxunta para o traslado da factoría da ría, única forma de garantir a súa viabilidade e o mantemento dos postos de traballo".

Así mesmo, o PP instou, a través doutra iniciativa, ao equipo de goberno local a "defender os postos de traballo que xera Ence na ría de Pontevedra". O pleno desenvolveuse sen público no Teatro Principal, mentres que nos exteriores do edificio había un amplo despregamento da Policía Nacional en previsión dunha protesta dos traballadores da pasteira. No entanto, finalmente non acudiron ao acto.

Ignacio Colmenares, CEO de Ence. EUROPA PRESS - Arquivo
Ignacio Colmenares, CEO de Ence. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta