Covid-19, a fin da industria peleteira? Galicia resístese mentres Europa pecha granxas de visóns

Que se sabe sobre a circulación do coronavirus nestas granxas? Científicos presentan un detallado informe no que alertan dos riscos de mantelas abertas. Varios países europeos aceleran o seu peche, mentres Galicia e España se resisten á clausura da industria peleteira.

Por Alberto Quian | Madrid | 24/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Desde os primeiros positivos de covid-19 en dúas granxas de visóns nos Países Baixos, en abril de 2020, estes centros de produción peleteira estiveron no ollo do furacán. En xaneiro de 2021 eran 400 as granxas de mustélidos de oito países da Unión Europea  con casos confirmados. E con esas confirmacións, o medo humano procedeu ao sacrificio de millóns de visóns engaiolados en Europa e a razón, ao peche de centos de granxas.

WWF reclama o peche das granxas de visóns en Europa
WWF reclama o peche das granxas de visóns en Europa | Fonte: WWF.

Un equipo de científicos da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) vén de publicar un detallado e amplo informe sobre a situación das granxas de mustélidos en Europa, no que advirten dos riscos de manter abertos estes centros polo seu enorme potencial para converterse en reservoiros de variantes do SARS-CoV-2, supoñendo unha ameaza para a saúde humana e doutros animais domésticos e salvaxes.

Até finais de xaneiro, o virus SARS-CoV-2 detectárase en 290 granxas de visóns en Europa; a transmisión parece ser de humanos a animais

En concreto, até finais de xaneiro, o virus SARS-CoV-2 detectárase en 290 granxas en Dinamarca, unha en Francia, 21 en Grecia, unha en Italia, dúas en Lituania, 69 nos Países Baixos, 13 en Suecia e tres en España (agora xa son catro, tras a detección dun gromo en Santiago de Compostela este mes de marzo), segundo os datos recollidos por estes investigadores. Na maioría dos casos sospéitase que a infección destes animais foi por contacto con humanos previamente contaxiados.

En Galicia son, até agora, dúas as granxas de produción industrial de peles de visón nas que se confirmou a presenza do coronavirus SARS-CoV-2. O primeiro foco detectouse o pasado mes de xaneiro nunha explotación da Baña con 3.100 visóns. A causa da orixe do gromo, ao parecer, foi o contaxio de dous traballadores da granxa e a súa transmisión do virus aos animais, confirmando a hipótese, xa sólida, de que non son os visóns a orixe da infección nestas granxas, senón os humanos.

Visóns americanos na gaiola dunha granxa
Visóns americanos na gaiola dunha granxa | Fonte: WWF - Arquivo.

Aquel foi, ademais, o segundo caso de infección por SARS-CoV-2 en visón americano en España, tras outro detectado en xuño do pasado ano nunha granxa en La Puebla de Valverde (Teruel). Na Baña seguiuse o mesmo protocolo que noutras granxas infectadas e exterminouse a totalidade dos visóns mediante o gaseamento habitual que se emprega na industria peleteira (no seguinte vídeo móstrase este método).

A estes gromos sumouse tamén en xaneiro outro nunha granxa de Navatalgordo (Ávila). E logo chegou un cuarto caso –o segundo en granxas galegas–, confirmado publicamente o 17 de marzo pasado pola Consellería do Medio Rural; neste caso, un foco de coronavirus nunha instalación de visóns americanos situada en Santiago de Compostela, con 6.554 exemplares.

Galicia conta co 90 % das granxas de produción industrial de pel de visón en España, con más de 71.000 exemplares reprodutores

No territorio galego había operativas en 2020 un total de 25 granxas deste tipo, cun censo total de 71.479 reprodutoras, concentrando o maior volume en España (o territorio galego alberga o 90 % deste tipo de granxas no Estado). Aínda que pode parecer moito, é pouco comparado coas cifras de países do norte de Europa.

O visón americano converteuse nunha especie invasora en territorio europeo, onde se introduciu por primeira vez en Dinamarca, e logo en Suecia, a principios do século XX. Até agora, críaronse por millóns en Europa para a produción peleteira, pero moitos tamén lograron escapar e sobrevivir en novos ecosistemas para eles, nos que son unha ameaza para especies autóctonas.

As cifras son impresionantes: en 2019 había rexistradas 2.900 granxas peleteiras na UE, cunha produción duns 27 millóns de peles de visón ao ano, o que representa o 94 % da produción peleteira europea.

PECHES EN EUROPA

Esa enorme industria viuse enfraquecida pola covid-19. Desde a detección do coronavirus, e cos sacrificios en masa de visóns (cóntanse por millóns), o número de granxas na UE para a produción de peles, en xeral, caeu ata 1.294 en decembro de 2020, das cales 755 eran de visóns, localizadas principalmente en Finlandia (719 granxas peleteiras, 210 de visóns), Polonia (283 granxas, 256 de visóns), Lituania (96 granxas, todas de visóns) e Grecia (79 granxas, todas de visóns), países tras os cales se sitúan Suecia (37 granxas, todas de visóns) e España (29 granxas, todas de visóns), en quinto e sexto lugar.

Poida que, grazas á covid-19, esteamos a asistir á fin da industria peleteira en Europa. Como ben lembran os autores deste informe, os Estados membros da UE e os países veciños que xa prohibiron o cultivo de peles son Austria (2005), Bélxica (rexións Valonia e Bruxelas, 2018), Croacia (2017), República Checa (2019), Luxemburgo (2018), Macedonia do Norte (2014), Serbia (2019) ), Eslovenia (2016), Suíza (2008) e Reino Unido (2000). Agora, espérase que o número de países que prohiban o cultivo de peles aumente debido aos gromos de SARS-CoV-2 nas granxas, pero tamén debido a preocupacións medioambientais e polo benestar animal.

Países europeos aceleraron o peche destas granxas por mor da covid-19, sacrificando millóns de exemplares; en Galicia e España o seu futuro non se cuestiona

Varios países planean a prohibición da explotación de peles (con ou sen aplicar un período de eliminación). Nalgúns casos, como destacan os científicos, os gromos de covid-19 anticiparon as datas programadas para eses peches; por exemplo, nos Países Baixos, onde o Goberno decidiu executar xa o peche da industria peleteira, inicialmente planificado para 2024. Mentres, na veciña Dinamarca realizouse un sacrificio masivo nas granxas de visóns entre setembro e decembro de 2020 e prohibiuse a súa explotación ata finais de 2021. Francia tamén anunciou en 2020 a prohibición de cultivar peles de visón cun período de eliminación gradual de cinco anos e Irlanda comprometeuse a prohibir esta industria.

Máis Estados súmanse á lista. En outubro de 2019, Eslovaquia introduciu unha lei para prohibir o cultivo de peles despois dun período transitorio para as explotacións existentes ata 2025, e en xaneiro de 2018, Noruega decidiu prohibir o cultivo de peles, cun período de eliminación progresiva ata 2025. Na rexión belga de Flandes aplicarase a prohibición total en 2023 e Bosnia e Hercegovina planificou unha prohibición a partir de 2028 pero, debido ao declive económico da industria peleteira, a última granxa de peles bosníaca pechouse en 2020. Outro país que se sumou a esta onda antipeleteira é Alemaña, onde a industria de peles de visón quedará liquidada en 2022.

En España e Galicia, sen embargo, nin se contempla nin se debate apenas politicamente o futuro destas granxas.

CORONAVIRUS NAS GRANXAS

Un dos problemas identificados que contribúen a converter as granxas de visóns en almacéns xigantescos do coronavirus é a estrutura destas instalacións, nas que “os animais son pechados en gaiolas normalmente ao aire libre, cubertas por un tellado”, describen os expertos, que subliñan que este sistema de aloxamento aberto pode permitir un contacto estreito entre o visón engaiolado e outros animais que se achegan a estas instalacións, salvaxes ou domésticos, que, se son susceptibles, poden infectarse co SARS-CoV-2 se o visón está contaxiado.

Ademais, os visóns acostuman estar aloxados en parellas en gaiolas de rede de arame contiguas cunha caixa niño. Esta contigüidade, avisan, pode facilitar a transmisión de enfermidades infecciosas entre animais.

En canto aos mustélidos silvestres, incluídos os visóns, aínda que están amplamente distribuídos en varios países europeos, os científicos sinalan que hai pouca densidade de poboación. Algúns destes exemplares, explican, poden achegarse ás granxas na procura de alimento ou atraídos polos animais da granxa, e poden tamén infectarse co SARS-CoV-2 por contacto con outros exemplares contaxiados. Con todo, afirman que non parece haber unha alta probabilidade de que isto aconteza debido ao seu comportamento esquivo e solitario, e á súa baixa densidade. Ademais, a escasa caza dos visóns salvaxes leva a pensar que hai moi poucas posibilidades de contactos con humanos e outros animais domésticos susceptibles ao SARS-CoV-2 (como cans, gatos, furóns). Polo tanto, o risco de que os mustélidos salvaxes se convertan nun depósito de SARS-CoV-2 é, segundo estes científicos, “moi baixo”.

Con todo, este mes de marzo a Conselleria de Agricultura, Desenvolvemento Rural, Emerxencia Climática e Transición Ecolóxica da Comunidade Valenciana informou da detección destes virus en dous exemplares mortos de visóns americanos silvestres. Pero hai que salientar que son casos illados.

O principal risco está, polo tanto, nas granxas, onde o coronavirus “se estende de forma moi eficiente unha vez introducido, por contacto directo e indirecto”, explican os expertos, que engaden: “Unha alta densidade de animais dentro da granxa aumenta as posibilidades de transmisión”.

E alertan de que é “probable” que o SARS-CoV-2 termine propagándose entre granxas próximas entre si.

Con todo, aínda que advirten de que a saúde humana pode estar en risco polas variantes do virus relacionadas co visón, “ata o momento non demostraron ser máis transmisibles nin causar un impacto máis grave en comparación con outras variantes do SARS-CoV-2 en circulación”.

“A probabilidade de infección con variantes relacionadas co visón é baixa para a poboación xeral, moderada para as poboacións en áreas cunha alta concentración de granxas e moi elevada para os seus traballadores”

Neste sentido, os científicos valoran distintos graos de risco para os humanos: “A probabilidade de infección con cepas variantes relacionadas co visón avalíase como baixa para a poboación xeral, moderada para as poboacións en áreas cunha alta concentración de granxas de visóns e moi elevada para individuos con exposición profesional”.

En canto ao risco para a saúde doutros animais, afirman que foron “moi poucas” as especies en granxas de visóns infectadas despois da exposición natural ao SARS-CoV-2. De feito, aclaran que o coronavirus só se detectou nalgúns gatos e cans. Para outras especies susceptibles de infectarse co SARS-CoV- 2 non hai evidencias de contaxio relacionado coas granxas de visóns, por iso piden “máis investigación” nesta liña.

Particularmente, piden especial vixilancia en Europa sobre furóns, gatos, cans mapache, cervos virxinianos e morcegos pertencentes á familia dos Rhinolophidae. “Non obstante, con novas investigacións e novas evidencias ou novas mutacións do virus, outras especies poden estar implicadas na epidemioloxía do SARS-CoV-2 e poderíase reconsiderar o enfoque de seguimento”, indican.

En canto á patoxénese no visón con covid-19, din que “se asemella ao observado en humanos”, producíndose a replicación do virus principalmente nas vías respiratorias. Os signos clínicos principais da infección que identificaron nestes animais foron un aumento da mortalidade, problemas respiratorios leves e lixeira caída na inxestión de pensos.

“A dinámica das infeccións do SARS-CoV-2 caracterízase pola propagación eficiente de animal a animal unha vez introducido nunha granxa de visóns”, detallan os investigadores, que explican que a transmisión pode producirse por contacto directo entre humano e animal ou entre animais, e indirecto por “gotiñas, partículas de po, aerosois e fómites”.

“Por esta razón, as grandes granxas de visóns con alta densidade animal proporcionan condicións ideais para a replicación e transmisión do SARS-CoV-2. Nas áreas con alta densidade de granxas de visóns, é probable que se produza unha propagación entre granxas unha vez que se introduza o coronavirus. Aínda que os mecanismos para a propagación entre granxas son descoñecidos ata agora, parece que o máis probable é que os humanos contribuísen ao propagación de granxa a granxa. O único outro factor de risco para a transmisión entre granxas identificado é a pouca distancia da granxa positiva SARS-CoV-2 máis próxima”, precisan.

SITUACIÓN EN GALICIA E ESPAÑA

No caso das granxas de visóns no Estado español, destacan que tras os primeiros positivos en Holanda, na primavera de 2020, “reforzáronse en España as medidas de hixiene e bioseguridade nas explotacións de visóns, así como a vixilancia”.

3.100 visóns foron sacrificados na granxa da Baña, primeiro gromo detectado en Galicia

Do gromo detectado na Baña (primeiro en Galicia), lembran que se sacrificaron os 3.100 visóns da granxa (2.500 femias e 600 machos) poucos días despois de confirmarse a presenza do coronavirus.

Así explican a cronoloxía deste caso: “O gromo era sospeitoso desde mediados de decembro cando, de 20 hisopos orofarínxeos recollidos o 10 de decembro como parte da vixilancia activa, catro deron resultados positivos e tres non foron concluíntes para o SARS-CoV-2 por RT-PCR. Os días 15 e 18 de decembro tomáronse respectivamente 30 e 90 hisopos orofarínxeos e todos deron resultados negativos por RT-PCR. O 4 de xaneiro de 2021 tomáronse mostras de 90 hisopos orofarínxeos con catro dando un resultado non concluínte por RT-PCR. O 18 de xaneiro recolléronse catro mostras do esterco da granxa de visóns e unha mostra deu positivo en SARS-CoV-2 por RT-PCR. Non se observaron signos clínicos nin mortalidade anormal entre os animais”,

Todo apunta a que o coronavirus infectou os visóns a través de dous traballadores da explotación.

Este mes de marzo confirmábase o segundo gromo nunha granxa galega, neste caso, en Santiago de Compostela, con 6.554 visóns (5.430 femias reprodutoras e 1.124 machos). Tras as análises realizadas, confirmouse a existencia de circulación viral SARS-CoV-2 en dúas mostras, polo que a explotación pasou a estar baixo o control e vixilancia dos servizos veterinarios da Consellería de Medio Rural.

O EFECTO 'SPILLBACK'

Na comunidade científica hai consenso en que o o SARS-CoV-2 saltou de animais, posiblemente morcegos, ao ser humano (o que se coñece como spillover); as granxas de visóns demostraron que tamén se pode producir ao contrario, do ser humano aos animais (spillback), converténdose o humano nun elo máis na cadea de transmisión.

Isto leva a algúns científicos a pensar que, cegados pola chegada das vacinas, non estamos a prestar suficiente atención á posibilidade de que o SARS-CoV-2 estea connosco a longo prazo, non só porque poida converterse nunha enfermidade endémica, que xorde periodicamente cando a inmunidade da poboación cae o suficientemente como para deixarlle unha nova porta aberta ao virus, tamén porque non se toman en consideración as implicacións de que o coronavirus é unha infección zoonótica que salta entre especies animais e destes ao humano e viceversa.

A circulación do coronavirus entre especies poder facer mutar o SARS-CoV-2 e volver ao humanos con novas variantes que poderían comprometer a eficacia das vacinas actuais

Co efecto spillback, o novo coronavirus salta dos humanos a especies animais adicionais (como o visón), dándolle un novo territorio no que sobrevivir, mutar e, quizais, poder saltar esas novas variantes de novo ao humano e a outras especies.

O perigo principal das granxas de visóns, no contexto da pandemia, radica en que poden proporcionarlle ao SARS-CoV-2 unha enorme oportunidade de mutar de xeito imprevisible. E ninguén sabe se as vacinas agora deseñadas serían efectivas para esas novas variantes. De feito, a finais do ano pasado confirmouse unha variante viral en visións en Dinamarca que posuía un cúmulo de mutacións non rexistradas antes, cambios que permitiron ao virus eludir parte da protección inmune conferida polos anticorpos neutralizantes.

O perigo non só radica non contaxio directo humano-visón-humano. A posibilidade de que o virus pase destes mustélidos a outros animais domésticos e, sobre todo, salvaxes, preocupa enormemente, xa que podería descontrolarse a súa circulación e evolucionar de diferentes xeitos (mutar) para superar as barreiras que cada especie presente ante o coronavirus.

Circulando entre distintas especies, existe a posibilidade de que xurdan novas variantes do coronavirus que poden ser o suficientemente diferentes ás actuais como para evadir a inmunidade inducida polas vacinas actuais. De aí a imperiosa necesidade de que se tomen medidas drásticas nas granxas de visóns, incluído o seu peche.

CONSELLOS

Os científicos piden declarar todas as granxas de visións “en risco de infección” e aplicar protocolos e medidas para a detección temperá do coronavirus. “Isto inclúe o seguimento pasivo (en todo o territorio de todos os países onde se crían animais susceptibles a SARS-CoV-2), pero tamén o seguimento activo mediante probas regulares”, detallan.

O seguimento con enfoque pasivo refírese, por exemplo, á observación por parte de criadores ou veterinarios de indicadores da infección, como a inxestión de pensos reducida, os signos clínicos potencialmente relacionados coa infección por SARS-CoV-2 e o aumento da taxa de mortalidade. O enfoque activo aplícase detectando casos de infección por SARS-CoV-2 nos visóns mediante plans de control de enfermidades planificados e deseñados e probas de laboratorio.

Piden que se fagan frecuentemente probas da covid-19 tanto ao persoal das granxas como aos animais, e que se compartan publicamente os resultados

Os expertos recomendan probas frecuentes ao persoal das granxas e a todas as persoas en contacto cos animais. Tamén aconsellan seleccións aleatorias dos animais (mortos e vivos) para realizar probas semanais mediante reacción en cadea da polimerasa con transcriptasa inversa (RT-PCR). Esta técnica, tamén usada en humanos, ten por obxecto a detección do xenoma vírico, o RNA do SARS- CoV-2, en mostras nasofarínxeas e orofarínxeas. E piden, ademais, que “se secuencien as mostras positivas en covid-19 de cada granxa para controlar a evolución do virus” e que “se compartan publicamente os resultados”.

Os científicos insisten en que é necesario facer probas frecuentes da covid-19 (polo menos, semanais) a todo o persoal das granxas e a todas as persoas en contacto cos animais, ademais das persoas máis achegadas a todas elas, xa que “son os humanos a fonte máis frecuente de introdución de virus nas granxas”. “Isto é fundamental para evitar a introdución do virus”, advirten.

ECOLOXISTAS PIDEN O PECHE DE TODAS AS GRANXAS

Neste escenario, WWF alerta de que “a cría do visón americano, con destino á peletaría e artigos de moda, converteuse nunha auténtica ‘bomba biolóxica’ que ameaza a natureza e pon en risco a nosa saúde”.

Desde esta ONG lembran que noutros países europeos se tomaron “medidas drásticas para previr futuros gromos e contaxios” co peche de granxas, pero non en España, onde “sobran os motivos para pedir xa o seu peche”, din.

“En España este negocio foi permitido porque as administracións central e autonómica mantiveron unha lexislación laxa e á medida destes negocios"

Os ecoloxistas poñen o foco nas “continuas fugas destes animais”, que “supoñen unha  gravísima ameaza para a nosa fauna autóctona, xa que o visón americano é unha especie exótica invasora e un voraz carnívoro que depreda sobre aves nidificantes no chan e sobre moitas especies protexidas de anfibios, peixes e mesmo mamíferos”.

“E, moi especialmente, puxo ao bordo da extinción o visón europeo, especie autóctona, á que despraza e que é xa o carnívoro máis ameazado de Europa, do que en España quedan menos de 500 exemplares. Esta especie desapareceu do 90 % da súa área de distribución orixinal, vítima do avance do visón americano procedente de granxas peleteiras”, salientan.

WWF critica que “en España este negocio foi permitido porque as administracións central e autonómica mantiveron unha lexislación laxa e á medida destes negocios, polo que moitas empresas peleteiras estranxeiras se asentaron no noso país e existen plans para seguir crecendo”, contrariamente ao que acontece no resto de Europa.

A ONG argúe que “manter as granxas de visón americano é manter unha explotación animal innecesaria que pon en grave risco a natureza e a nosa saúde”, polo que esixe ao Goberno central “o peche urxente e definitivo de todas as granxas de visón americano existentes España, con todas as garantías sanitarias e de benestar animal necesaria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta