A Xunta ampliará en maio a toda Galicia a gratuidade de viaxes en bus interurbano para menores de 21 anos

BNG e PSdeG critican a intervención da conselleira de Infraestruturas por ser un "copia e pega" da realizada para presentar os orzamentos do seu departamento para 2021.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta ampliará no próximo mes de maio a toda Galicia a Tarxeta Xente Nova para que os menores de 21 anos poidan viaxar gratis no transporte interurbano.

Así o destacou durante a súa comparecencia na Cámara galega, na que subliñou que defende os intereses de Galicia con reclamacións ao Estado como as bonificacións da AP-9 ou infraestruturas como a conexión de Lugo co AVE, o tren a Punta Langosteira ou o Saída Sur de Vigo.

Bus, autobús, plan de transporte. XUNTA - Arquivo
Bus, autobús, plan de transporte. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

A conselleira sinalou que, con esta medida, a Xunta prevé duplicar o número de beneficiarios e o investimento que destina a pagar estas bonificacións, pasando de 1,9 millóns de euros a 4,3 millóns.

En concreto, permitirá aplicar a calquera viaxe realizada en autobús dependente da Xunta os descontos nos prezos dos billetes que gozan as áreas de transporte metropolitano que hai constituídas. Ademais, entre outras cuestións, suporá a despenalización total dos transbordos co autobús urbano das cidades adheridas nas viaxes que se abonen co cartón do transporte público.

"Creo na cooperación leal, pero non cumpriría o meu deber de defender a Galicia se aceptase sen rechistar os incumprimentos do Goberno de España", sostivo nun discurso no que tamén adiantou que o seu departamento porá en marcha bonificacións nas estradas autonómicas que beneficiarán ás 27.000 familias numerosas.

Na sesión, mentres que o PPdeG apoiou a xestión da conselleira de Infraestruturas, tanto BNG como PSdeG mostráronse críticos coa política do seu departamento e tacharon a intervención da conselleira de "copia e pega" da realizada para presentar os orzamentos do seu departamento para 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta