Así son as "dificultades" que pon o Sergas para acceder ás súas propias compensacións

A CIG denuncia que os permisos para profesionais en primeira liña contra a pandemia se están a conceder de xeito "irregular".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Nova denuncia de CIG-Saúde contra o proceder das distintas áreas sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde. A derradeira chamada de atención por parte da Confederación chega a respecto dos permisos adicionais que a Xunta anunciou para aqueles profesionais involucrados na loita contra a covid en primeira liña; e que, de acordo co sindicato, se estarían a outorgar de xeito "irregular".

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Os acordos en cuestión, que segundo a CIG foron aprobados na mesa sectorial do pasado 25 de novembro, están a xerar “desigualdades” entre os profesionais de distintos sectores sanitarios; de acordo coa versión do sindicato. “Non fixo falta moito tempo para que se fagan evidentes”, apuntan dende a formación con respecto a estas supostas deficiencias na aplicación dos permisos.

“A pesares de que o Plan de continxencias recollía quen tiña dereito a este permiso, a realidade supera o que se establece no papel”, engaden dende a Confederación; que denuncia a presenza dunha serie de trabas que “dificulta enormemente a concesión” destas axudas e que, en suma, deixa na “discreccionalidade” das xerencias a decisión de outorgar ou non os permisos. 

PRAZAS SEN CUBRIR

A problemática apuntada pola formación estaría nun requisito concreto, ese que esixe aos profesionais demandantes dos permisos que pasen como mínimo un 80% da xornada cun “EPI completo”. A cuestión está, precisamente, na definición dese termo, unha circunstancia que “xera uns agravios enormes entre colectivos e entre diferentes áreas sanitarias” porque, explican, é unha decisión que remata dependendo das xerencias.

“A maiores de todo isto”, engaden dende a CIG, “o propio plan de continxencias impide a contratación para a cobertura destes permisos, o que se traduce en que na maioría dos casos é a costa de que non se cubran esas ausencias”, problemática xa longamente denunciada por distintos colectivos de diversas áreas sanitarias de Galicia. Para a CIG, esta problemática está a deixar aos centros “nunha situación máis penosa se cabe que a que xa están vivindo na actualidade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta