A Xunta acusa o Goberno central de "non facer nada" para manter a fábrica de ENCE na ría de Pontevedra

Rueda insiste en que a futura Lei de Cambio Climático supón un "perigo" para a continuidad da pasteira en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 23/03/2021 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu este martes ao Goberno estatal que convoque a mesa de diálogo sobre a biofábrica de Ence en Lourizán. "Está a gañarse tempo e non facendo nada para que a empresa e os postos de traballo queden en Pontevedra e en Galicia", afeou.

Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra
Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra | Fonte: Europa Press.

Durante unha visita ás probas físicas do proceso de selección de acceso á Policía Local na cidade de Pontevedra, Rueda lembrou que a semana pasada os traballadores da pasteira foron recibidos pola vicepresidenta cuarta do Goberno central e ministra para a Transición Ecolóxica, que prometeu a apertura da mesa de diálogo.

"Pasou unha semana e a Xunta de Galicia non ten ningunha noticia desa convocatoria", lamentou o vicepresidente galego, quen á súa vez é presidente do PP da provincia de Pontevedra.

Ademais, Alfonso Rueda aproveitou para criticar que este mesmo luns o pleno do Concello de Pontevedra declarase 'persoa non grata' na cidade ao presidente e conselleiro delegado de Ence, Ignacio de Colmenares, a proposta dos dous grupos do goberno local, BNG e PSOE.

Neste contexto, o vicepresidente da Xunta considera que "resulta polo menos curioso que primeiro se declare 'persoa non grata' ao director dunha empresa e despois se lle chame ao diálogo".

Para o número dous do Executivo galego, esa decisión "non ten moito sentido" e "non axuda en nada", porque "non serve para a meta que debería ter todo o mundo" que é, ao seu xuízo, "o mantemento dos postos de traballo". Cifrou os afectados nunhas 5.000 familias na comarca de Pontevedra e na actividade forestal de toda Galicia.

LEI DE CAMBIO CLIMÁTICO

Así mesmo, o vicepresidente galego sinalou que "cada vez se achega máis a aprobación da Lei de Cambio Climático" que se atopa en tramitación no Congreso "e se se mantén a postura do Goberno central poríase moi en perigo a continuidade de Ence".

En concreto, referiuse ao polémico artigo 18.4 do texto, que confirma a limitación a 75 anos das concesións en dominio público marítimo-terrestre, como é o caso da biofábrica de Lourizán.

Rueda incidiu en que o informe elaborado pola asesoría xurídica da Xunta sobre a Lei de Cambio Climático conclúe que ese artigo 18.4 é "frontalmente inconstitucional", ademais de determinar que tanto este apartado como o 18.3 son "contrarios á seguridade xurídica".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta