O megaproxecto eólico da montaña máis alta de Galicia podería rematar cunha especie ameazada

Ecoloxistas en Acción asegura que a aguia real está en "grave perigo" polo proxecto eólico de Pena Trevinca: "é especialmente vulnerable ás pas dos aeroxeradores".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 08:45

Comparte esta noticia

Continúan as protestas contra o actual modelo de implantación de eólicos amparado pola Xunta de Galicia e Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno Central. O derradeiro episodio nesta loita que implica a asociacións veciñais e plataformas ecoloxistas vén de se concentrar nunha causa particularmente polémica polo emblemático do seu escenario: o megaparque que podería afectar ás montañas máis altas de Galicia.

Aguia Real
Aguia Real | Fonte: Isidro Cea Flickr

Ecoloxistas en Acción vén de presentar alegacións para frear ese megaproxecto que afectaría aos “teitos de Galicia”, en palabras do grupo, xa que abranguería dende o macizo de Trevinca ata a serra da Cabrera, na provincia de León. Un enclave, en fin, de altísimo valor ecolóxico que podería ser arrasado polo proxecto, xa que “aínda que gozan dalgunha figura de protección ambiental, estas son totalmente insuficientes para protexelos destes megaproxectos”, apuntan.

O risco de destrución que afectaría ao entorno abrangue a dimensión paisaxística, cun impacto evidente, pero tamén a conservación da biodiversidade animal. De acordo coa plataforma, o proxecto cuestionado afectaría á “práctica totalidade da poboación nidificante de aguia real de Galicia”, unha especie que, destacan, está incluída no catálogo de especies ameazadas.

"GRAVE PERIGO"

O problema radicaría en que a aguia real está en “grave perigo” pola proliferación destes proxectos industrias, xa que se trata dunha especie “especialmente vulnerable aos alcances coas pas dos aeroxeneradores” e que, en consecuencia, “porán en grave risco a supervivencia da especie”. Por esta razón demandan ao MITECO que poña freo ao proxecto para, en troques, ubicar os parques de produción eléctrica “nas proximidades dos propios centros de consumo de enerxía e fóra das paraxes naturais de alto valor ecolóxico”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta