Feijóo anuncia que o Consello da Xunta deste xoves será monográfico sobre os proxectos para os fondos europeos

O presidente da Xunta aseverou que a pandemia é e seguirá sendo a primeira preocupación do Goberno galego. En fronte, a oposición botoulle en cara que se escude na pandemia para "tratar de tapar a corrupción" do PP.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na sesión de control da Cámara autonómica que o Goberno galego celebrará este xoves un Consello monográfico para abordar os proxectos cos que Galicia opta aos fondos europeos de recuperación 'Next Generation'.

Fontes da Xunta trasladaron que na reunión semanal do Executivo analizaranse os proxectos actualizados vinculados a cada un dos departamentos autonómicos. De feito, está previsto que os conselleiros acompañen a Feijóo na súa comparecencia posterior para detallar os plans que incumben a cada unha das áreas do Executivo.

Feijóo anunciou esta reunión monográfica nunha sesión de control que os líderes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Gonzalo Caballero, centraron na 'caixa b' do PP e os seus vínculos coa formación galega que dirixe o presidente autonómico.

O presidente galego afeoulles o asunto elixido "en plena pandemia" e mentres se traballa para evitar unha cuarta onda, á vez que puxo en dúbida que as reunións previstas para o venres sexan útiles se Pontón e Caballero levan "o disfrace de guionistas de culebrón" que, baixo o seu punto de vista, portaron nesta sesión de control.

El, advertiu, pretende "falar de Galicia e do seu Goberno". Nesta liña, aseverou que a pandemia é e seguirá sendo a primeira preocupación do Goberno galego. En fronte, a oposición botoulle en cara que se escude na pandemia para "tratar de tapar a corrupción" do PP.

"A min o que me preocupa é que non se recorra a Lei de Saúde Pública, que non recorran a un goberno por cumprir co seu deber e a un Parlamento por habilitar unha lei para xestionar a pandemia", dixo, referíndose tamén aos traballos que se están levando a cabo no deseño da nova arquitectura poscovid dos colexios e das residencias da terceira idade; ao plan de rescate aos autónomos e as microempresas; e á crise industrial.

Así, avanzou que todos estes asuntos son os que pretende abordar nas reunións do próximo venres, ademais do "atraso e a parálise" que están a sufrir por parte do Estado as infraestruturas como a autovía entre Lugo e Ourense, e a autovía Santiago-Lugo.

Feijóo responde as preguntas dos grupos na Cámara.. Xunta de Galicia
Feijóo responde as preguntas dos grupos na Cámara.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta