A Xunta deberá incluír a interinos e temporais na carreira profesional tras un fallo do TSXG

O fallo remítese á doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea para considerar "discriminatoria a diferenza de trato entre o persoal fixo e o temporal no relativo á carreira profesional".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

A sección primeira da Sala de Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) obriga á Xunta a incluír a persoal funcionario interino e laboral temporal no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional.

Este fallo, con data do 17 de marzo de 2021, chega tras o recurso presentado pola CIG ao acordo asinado entre Xunta e os sindicatos CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema da carreira profesional, o cal excluía interinos e temporais do dereito a solicitar e integrarse no sistema de carreira profesional e, por tanto, de cobrar a mesma.

Así, o fallo remítese á doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea para considerar "discriminatoria a diferenza de trato entre o persoal fixo e o temporal no relativo á carreira profesional". E é que segundo a Sala, o determinante para acceder á carreira profesional non é se o posto se realiza con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal.

Os fundamentos de dereito expoñen que a aplicación do sistema extraordinario ten que abarcar, con carácter universal, a todo o persoal, independentemente do seu vínculo xurídico, sempre que cumpra cos requisitos de ter cinco anos de antigüidade, sen que se poida producir discriminación polo vínculo temporal ou permanente coa administración.

O fallo decide anular, "por contraria ao ordenamento xurídico", esta orde, "na medida en que exclúe ao persoal laboral temporal e aos funcionarios interinos do réxime de carreira profesional establecido". Contra esta sentenza, que impón á Xunta o pago das costas procesuais, cabe interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo nun prazo de 30 días.

A CIG VE "DEMOLEDORA" A SENTENZA

Nun comunicado, a responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, considera "demoledora" esta sentenza, á vez que lembra que esta foi unha das razóns pola que o sindicato nacionalista non asinou o acordo no seu día, que "condicionaba ao persoal laboral fixo coa obrigación da funcionarización para acceder ao sistema extraordinario".

Por iso, este "novo golpe xudicial" á Xunta mostra que "non valen as chantaxes" cara a temporais e interinos. "Unha chantaxe polo que tamén interpuxemos outra demanda ante o TSXG, e da que estamos pendentes de xuízo", sinala Burgos.

Por todo iso, a CIG esixe ao Goberno galego que sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito do sistema extraordinario e que se recoñeza o dereito deste persoal con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2019. Igualmente, pide á Xunta que non recorra ao Supremo ante a xurisprudencia existente.

Zeltia Burgos espera que "isto sirva de acicate para sacar a CC.OO., UGT e á Xunta do limbo de inacción e se poña en marcha xa o sistema anticipado para o acceso ao grao II para todo o persoal, incluíndo as persoas dos subgrupos A1 e A2".

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, durante a crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, durante a crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta