Mobiliario urbano resultado da reutilización e feito en Galicia

“Reutilizamos para que a nosa produción teña o menor impacto ambiental”, Iago Martínez, Xerente de Edigal Pontevedra.

Por X.M. Fernández | Pontevedra | 26/03/2021 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

Elementos como utensilios de labranza ou redes de pesca poden atopar unha segunda vida a través do mobiliario urbano que fabrica a empresa Edigal, con sede en Pontevedra.

Mobiliario público de Edigal na Gran Vía de Vigo
Mobiliario público de Edigal na Gran Vía de Vigo

“Cunha caixa de correos podemos facer un cadro eléctrico e agora, por exemplo, estamos a tentar reciclar unha cabina de teléfono para convertela nun punto de recarga”, explica Iago Martínez, xerente da firma.

Empregar materiais procedentes da reciclaxe é parte da filosofía de Edigal, que busca que toda a súa produción teña o menor impacto sobre o medio ambiente e conségueo mediante o principio das 3 R: reducir, reutilizar e reciclar. A compañía aproveita madeira galega na fabricación de elementos de mobiliario urbano e mesmo, recorre ao aceiro dos barcos de pesca antes de que estes teñan como destino converterse residuos.

“A madeira que empregamos en bancos e papeleiras é madeira certificada, deste xeito axudamos a mellorar a xestión forestal e a frear o proceso de deforestación”, explica Iago Martínez. O compromiso de Edigal co medio ambiente reflíctese tamén nos seus produtos de iluminación pública, que están deseñados para que poidan ser xestionados de forma eficiente. Neste senso, dispoñen, por exemplo, dun sistema de control de intensidade da luz, segundo o tránsito de vehículos e peóns, que permite incidir no aforro enerxético.

A empresa busca, así mesmo, traballar con provedores de proximidade respecto á súa sede na cidade do Lérez e aposta pola redución do uso de plásticos nas súas embalaxes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta