Carmela Silva pide a Feijóo "menos fotos de postureo e máis investimento en Pontevedra"

A Presidenta de Deputación Provincial reivindica o investimento millonario do ente en seguridade vial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 13:13

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recomendou ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo "menos fotos de postureo e máis investimentos" na provincia de Pontevedra. Silva saíu ao paso este xoves do acto protagonizado o pasado mércores por Núñez Feijóo co seu homólogo en Castela e Léon, Alfonso Fernández Mañueco, celebrado en Vigo onde demandaron avances no Corredor Atlántico.

"Non sei moi ben que pintaba aquí", dixo Silva, que mostrou o seu "sopresa" por un acto protagonizado polos dous cargos do PP. "(Mariano) Rajoy gobernou sete anos, fai nada, e non moveron nin un papel", sinalou a mandataria socialista. "Agora vén o presidente da Xunta, que estivo caladiño sete anos cun tal Mañueco a reclamar algo que agora se está en marcha", engadiu en declaracións aos medios durante a rolda de prensa na que avanzou os contidos que serán abordados na xunta de goberno da deputación deste venres.

AXUDAS A EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS

Entre os acordos máis destacados, Carmela Silva citou que o Goberno provincial vai aprobar as bases das axudas ao sector primario, "con moito peso na provincia" cunha dotación de 250.000 euros para explotacións agrogandeiras e outros 250.000 euros para confrarías e colectivos de marisqueo. "Cumprimos cos nosos compromisos", sinalou.

Carmela Silva aproveitou a rolda de prensa para felicitar ao seu "equipo" e a todas as persoas implicadas na organización e o resultado da Gala Provincial do Turismo celebrada este mércores que "foi espectacular", dixo. "Tivemos dous millóns de impactos en Twitter", engadiu.

Ademais, o Goberno provincial espera aprobar este venres axudas á contratación de persoal para as oficinas de turismo adheridas á rede de información de Rías Baixas, cun orzamento de 174.000 euros. Concederanse 23 axudas para contratar a 29 persoas. "Seguimos fomentando a profesionalización do sector e adiantando os recursos", valorou.

Silva tamén se referiu a unha nova achega de máis de 700.000 euros do Plan Concellos. Serán 206.000 euros da Liña 1 para Baiona e Barro, e outros 536.000 euros para contratar a 49 persoas nos concellos de Cangas e Cerdedo-Cotobade. "Xa levamos aprobados os recursos de 52 concellos por un total de 8,8 millóns", destacou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

UN MILLÓN DE EUROS DE INVESTIMENTO

A Xunta de Goberno tamén leva na súa orde do día dous proxectos por 1 millón de euros para humanizacións e actuacións de mellora da seguridade viaria nos municipios de Gondomar (son 272.000 euros para a conexión entre as estradas provinciais EP-2301 e a EP-2302) e para o concello de Sanxenxo (760.000 euros para implemental a "mobilidade amable" na estrada EP-9212 entre Noalla e A Lanzada).

Finalmente, Carmela Silva citou que o Pleno aprobará este venres o acordo marco de conservación de firmes das estradas provinciais. "A seguridade debe ser unha prioridade das administracións públicas e a deputación inviste millóns e millóns de euros". Concretamente, serán 4,4 millóns en 2021 que chegarán a todos os concellos, aos 1.650 quilómetros da rede. Desde 2018 levamos investidos máis de 17 millóns. As actuacións dividiranse en 6 zonas. "Actuamos con equidade", recalcou a presidenta. "Aos lotes accederon empresas a través de concorrencia, e este tamén é un obxectivo do acordo marco. A área de infraestruturas funciona moi ben, con axilidade e calidade", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta