Temas: FOLGA LIMPEZA

Folga no sector da limpeza de edificios da provincia da Coruña

Os sindicatos CIG, UGT e CCOO convocaron unha paro de 24 horas para o 22 de abril e de 48 horas para os días 11 e 12 de maio.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, UGT e CCOO convocaron unha folga de 24 horas para o 22 de abril e de 48 horas para os días 11 e 12 de maio no sector da limpeza de edificios na provincia da Coruña polo "recorte de dereitos".

Mobilización de traballadoras da limpeza da provincia da Coruña polo convenio do sector
Mobilización de traballadoras da limpeza da provincia da Coruña polo convenio do sector | Fonte: CIG.

Os representantes dos traballadores explicaron que a convocatoria obedece a decisións como "a eliminación da xubilación parcial no sector e do dereito da xente que traballa na limpeza, moita dela a tempo parcial, a aumentar a xornada cando se produzan vacantes nos centros de traballo".

"Todo isto a cambio dun incremento do 0,8% para o ano 2020 e 2021", apuntou Paulo Rubido, representante da CIG. "A limpeza incrementou a súa facturación e tivo unha maior carga de traballo, xa que foi o sector encargado de realizar a desinfección e limpeza en todos os centros de traballo da provincia", argumentou en referencia ao actual contexto de pandemia.

A convocatoria de folga prodúcese despois dun calendario de mobilizacións que comezou en xaneiro e tras dúas reunións coa patronal nas que "non se moveron absolutamente nada" e nas que non fixeron "ningunha proposta construtiva", indicou. Con estas condicións, engadiu, "non se pode chegar a ningún tipo de acordo".

SERVIZOS MÍNIMOS

Por último, Rubido instou á Xunta a "que non se sitúe cos poderosos" e que os servizos mínimos que se produzan eses días "non vulneren o dereito de folga dos traballadores". Advertiu que os "impugnarán" no caso de que isto ocorra.

Para que a folga non se leve a cabo tería que haber un acordo na reunión do próximo luns. "Propomos unha suba salarial para os anos 2020 e 2021 e que non se toque o convenio", dixo Juan Carreira, representante de UGT, deixando unha porta aberta a un posible acordo. Se este non se produce, "a folga continuará máis aló de maio".

Á súa vez, Ricardo Santos, membro de CCOO, cualificou de "xustificada" a suba salarial exposta polos sindicatos e expuxo que a patronal licitou "á baixa" en contratas. Considerou, ademais, que poden pagar o prezo que reclaman os traballadores se a patronal non se comportase como "mercenarios".

Temas: FOLGA LIMPEZA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta