Gonzalo Caballero cre que serán os tribunais os que determinen "ata cando é válida" a concesión de Ence

O secretario xeral do PSdeG sinalou tamén que o Goberno de España traballará nunha mesa polo futuro de Ence á que deben incorporarse "todas as administracións, a empresa, o comité e os traballadores".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, subliñou que "serán os tribunais" os que decidirán "ata cando é válida" a concesión para a planta de Ence na ría de Pontevedra e lembrou que este asunto esta "xudicializado" debido a "a prórroga mal feita" por parte do Partido Popular.

"Se os tribunais conceden unha prórroga durante un tempo longo, ese será o espazo de duración que terá a empresa e, desde logo, ata o ano 2033 hai unha formulación na que se pode traballar para buscar vías que posibiliten que poida haber futuro desa actividade industrial en Galicia máis aló" desa data, manifestou Gonzalo Caballero.

Así se pronunciou o xefe de filas do PSdeG tras reunirse en Madrid coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, encontro tras o que subliñou que o Goberno de España traballará nunha mesa polo futuro de Ence á que deben incorporarse "todas as administracións, a empresa, o comité e os traballadores".

"Aí tamén os traballadores terán o noso compromiso e o meu compromiso de traballar por un futuro de Ence en Galicia pero fose do enclave actual unha vez que finalicen todas as prórrogas de concesión existentes", apuntou.

SECTOR MAR INDUSTRIA

Por outra banda, conforme sinalou Gonzalo Caballero, no encontro tamén abordaron a situación do sector mar-industria. "Constatamos como o Goberno de España ten un claro compromiso co sector concedendo todas as prórrogas de concesións que houbo que dar a tantas conserveiras ao longo do goberno presidido por Pedro Sánchez", indicou.

Nesta liña, sostivo que o sector "pode estar tranquilo" e asegurou que "vai haber un compromiso claro dos socialistas". "E eu como secretario xeral do PSdeG vou ser sempre un aliado pleno do sector mar-industria", sostivo para asegurar que é "fundamental para a economía, o emprego e a forma de entender a Galicia".

Gonzalo Caballero en rolda de prensa. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
Gonzalo Caballero en rolda de prensa. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta