Lores asistirá "por cortesía" á mesa de diálogo de Ence, aínda que non ve "imprescindible" a presenza do Concello

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que "o que hai que facer é tomar decisións, coller o touro polos cornos, e sentar a falar as tres patas que teñen competencias sobre esa cuestión"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou que asistirá "por cortesía" á mesa de diálogo polo traslado de Ence, pero apuntou que non ve "imprescindible" a participación do Concello de Pontevedra.

O alcalde pontevedrés considera que se realmente se quere avanzar nesa hipotética mesa de traballo debe estar composta exclusivamente pola empresa e polas dúas Administracións con competencias: o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia. "Cando se quere resolver un problema, noméase un responsable, e cando se quere atrasar o tema, pois crean unha comisión, e canto máis grande e canto máis diversa moito mellor", dixo o rexedor.

Lores fixou nunha comparecencia este xoves a posición do Concello de Pontevedra respecto da mesa de traballo para o traslado da fábrica de Lourizán. "O que hai que facer é tomar decisións, coller o touro polos cornos, e sentar a falar o tres patas que teñen competencias sobre esa cuestión", en referencia ás Administracións que ostentan as competencias en cuestións como ordenación do territorio, industria ou subvencións e utilización de fondos.

No entanto, asegurou que, se é convidado, asistirá "por cortesía", aínda a pesar de que se se reclama a participación do concello considera que "non empeza ben". "Canta máis xente, máis barullo e menos posibilidades de chegar a un acordo efectivo", insistiu.

Sobre o traslado da empresa, Fernández Lores lembrou que a posición do concello "é firme" e que pasa por que "Ence ten que saír de Lourizán e o idóneo sería un traslado para garantir os postos de traballo", para que a ría de Pontevedra "poida crecer ou evolucionar no seu máximo esplendor". O goberno local "aspira a recuperar eses terreos, que son de todos, e a recuperar a ría".

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta