Feijóo pide a Vox e Cs "unir votos" no PP para derrotar a Sánchez, Podemos e independentistas

Destaca a fichaxe do ex de Cs Toni Cantó por Ayuso.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apostou este xoves ante unhas eventuais eleccións xerais por sumar todos os votos de quen non están de acordo coa forma de xestionar o país de Pedro Sánchez, de Podemos "en todas as súas vertentes" e dos independentistas. Unha apelación directa á ultradereita de Vox e aos descontentos de Ciudadanos.

Santiago Abascal, presidente de VOX  nun mitin de Vox en Vigo
Santiago Abascal, presidente de VOX nun mitin de Vox en Vigo | Fonte: Europa Press

"Se unimos todos eses votos haberá unha maioría suficiente para un goberno estable; pero se seguimos rotos, divididos e parcelados Podemos, Pedro Sánchez e os independentistas teñen opcións de seguir no goberno", continuou.

Para Núñez Feijóo o Goberno non presenta "un só indicador" mellor que cando chegou e é que a pesar de que a pandemia pode afectar os datos económicos, recoñeceu, asegurou que é "demoledor" o que está a ver en canto a acordos entre territorios, de confianza na nación e de concordia entre os cidadáns.

"Estamos a velo na xestión da conformación do Goberno catalán, coa decisión de desmantelar aos Mossos da súa capacidade de autodefensa e que unha das primeiras decisións do Govern será de novo facer un referendo de independencia. Os independentistas non poden formar parte do Goberno de España, nin de forma directa nin indirecta no Congreso. E lamentablemente sen ERC o Goberno de España non pode tomar decisións", concluíu.

AYUSO

Sobre a decisión da presidenta de Madrid e candidata á reelección Isabel Díaz Ayuso de incorporar a Toni Cantó, ex de Cs nas súas listas, Feijóo dixo que busca os mellores compañeiros para lograr un goberno estable e no que "todos os votantes de Cidadáns caben".

"Deséxolle a mesma sorte que tivemos nós en Galicia", dixo Núñez Feijóo, que leva catro maiorías absolutas consecutivas nas eleccións ao Parlamento galego e onde nin Cs nin Vox teñen ou tiveron representación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta