A Comisión de Saúde Pública pide pechar o interior dos bares en zonas de alto risco

Marca como limiar unha incidencia superior a 150 e outros indicadores elevados como a ocupación hospitalaria.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 26/03/2021 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

A Comisión de Saúde Pública, na que se atopan representadas todas as comunidades e cidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, aprobou unha actualización do documento 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión de COVID-19', coñecido como 'semáforo COVID-19', que expón a recomendación de pechar o servizo na restauración cando as comunidades se atopen en nivel de alerta alto ou moi alto, é dicir, cunha incidencia superior a 150 e outros indicadores elevados como a ocupación hospitalaria.

Un camareiro enche un vaso de cervexa nun restaurante durante o primeiro día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2021
Un camareiro enche un vaso de cervexa nun restaurante durante o primeiro día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2021 | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

A taxa de incidencia no conxunto de Galicia sitúase por baixo de 100 casos por cada 100.000 habitantes a 14 días, segundo os últimos datos publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG). Nos concellos de máis de 10.000 habitantes, ningún tiña a data de martes unha incidencia superior a 250 casos por cada 100.000 habitantes.

Concretamente, os datos achegados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado mércores apuntan que a incidencia acumulada de Galicia a 14 días era de 73,27 (fronte aos 129,25 da media estatal) e de 33,86 a sete días (fronte aos 62,33 da media estatal).

Cabe destacar que en Galicia están pechados os interiores dos establecementos hostaleiros nos concellos nos que hai unha incidencia superior a 500 casos por cada 100.000 habitantes --actualmente dous --Maside e Beade-- e desde luns só Beade--. Estes dous concellos están, así mesmo, pechados perimetralmente, polo que non se pode entrar nin saír deles salvo causa xustificada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta