Temas: RAG XUNTA

Xunta e Real Academia Galega renovan a súa colaboración

A achega da Administración galega increméntase un 7%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/03/2021 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Xunta renovou a súa colaboración coa Real Academia Galega (RAG), unha achega que este ano se incrementa un 7%, ata máis de 550.000 euros, para contribuír tanto a manter as actividades culturais e de investigación lingüística da institución como para impulsar diversos actos ao redor da figura de Xela Arias, a quen a RAG dedica o Día das Letras Galegas, e a conmemoración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán.

Firma do convenio entre a Xunta e a RAG
Firma do convenio entre a Xunta e a RAG | Fonte: Xunta de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asinaron este venres o convenio para dar continuidade á súa colaboración que, en particular, atende á potenciación dos recursos tecnolóxicos da Academia, así como a procesos de dixitalización e renovación de fondos a través da rede.

Dado o vínculo histórico que a Real Academia Galega ten coa figura de Emilia Pardo Bazán, en cuxo domicilio da rúa Tabernas está a súa sede desde o ano 1978, o convenio contempla nesta ocasión apoio ás actividades que nos próximos meses celebraranse con motivo do centenario da autora, actos que están programados tanto en Madrid, en colaboración coa Biblioteca Nacional, Acción Cultural Española e a Comunidade de Madrid, como na Coruña.

Así mesmo, a Xunta contribuirá tamén a que a RAG ceda de maneira temporal varios dos seus fondos a outras mostras expositivas sobre Lolita Díaz Baliño ou para a itinerancia de 'Galicia, de Nós a nós'. Entre outras cuestións, tamén se xestionará o depósito dunha medalla académica histórica para exposición permanente da Casa Museo de Ramón Cabanillas en Cambados, que está a piques de abrir as súas portas despois da súa musealización.

Ademais, continuarase coa actualización e renovación do Dicionario da RAG e do Dicionario bilingüe castelán-galego, que a institución espera poder presentar a finais deste ano, e cos traballos do Portal das Palabras, no que participa tamén a Fundación Barrié, publicando e divulgando de maneira periódica contidos lexicográficos inéditos.

Tamén se dará continuidade e reforzaranse proxectos sociolingüísticos como o mapa escolar ou a base de datos Galex, así como outros sobre terminoloxía e lexicografía.

A maiores, está prevista a realización de actividades culturais, impulsando a edición científica no marco da Academia e a adquisición e dixitalización de publicacións. Igualmente promoveranse accións ao redor do Día das Letras Galegas, Día dos Arquivos, Día do Patrimonio ou Día das Bibliotecas, entre outras.

Temas: RAG XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta