Feijóo di detectar "síntomas desesperanzadores" tras os encontros con Pontón e Caballero

O presidente da Xunta recontextualizou os encontros no marco do Estado e así declarou: "Estou absolutamente convencido de que España neste momento necesita máis política e menos ruído".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recieta "máis política e menos ruído" para España nunha xornada na que se reuniu coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. Foron dous encontros diferentes, de máis de dúas horas cada un, nos que no entanto o máximo mandatario autonómico viu "síntomas desesperanzadores".

"Estou absolutamente convencido de que España neste momento necesita moitos máis acordos que desacordos, moita máis unión que desunión e, sobre todo, máis política e menos ruído", trasladou na súa comparecencia ante os medios, despois de dúas reunións que se alongaron ata a tarde. Aínda que reivindicou a "estabilidade política" da Comunidade cun goberno de maioría absoluta, Feijóo enmarcou estes encontros na súa vontade de atopar "puntos de encontro" sen "molestias", para que Galicia sexa "unha excepción" e envíe unha "mensaxe de unidade" á poboación fronte á pandemia.

No entanto, lamentou "algúns síntomas desesperanzadores" constatados durante as reunións: "Non creo que teñamos unha boa axenda de acordos". Na súa opinión, e igual que defendía o secretario xeral do PSdeG --non así a portavoz nacional do BNG--, fose máis útil un encontro "a tres", xa que el mesmo puido escoitar aos dous líderes da oposición "pero eles non se escoitaron entre si". "Non é bo caer nos mesmos 'tics' políticos que nestes momentos hai en España. Trasladeilles que non son bos nin os extremismos nin as radicalidades", dixo.

FONDOS 'NEXT GENERATION'

Un dos principais asuntos abordados nas dúas reunións con Pontón e Caballero foi os fondos europeos 'Next Generation', un tema que precisamente centrou o Consello da Xunta deste xoves, cunha listaxe de 354 proxectos para captar case 20.000 millóns de euros.

Neste sentido, Feijóo explicou a BNG e PSdeG que "sería bo" buscar "algún acordo" na comisión de reconstrución do Parlamento galego, para que a candidatura galega "teña unha maior aceptación política". "Pero iso depende deles", apostilou, en referencia a socialistas e nacionalistas.

Non en balde, o presidente da Xunta aproveitou para expresar o seu temor ante os "criterios territoriais" que poida empregar o Goberno central para repartilos. "Sempre beneficia aos mesmos e sempre prexudica aos mesmos", afeou. Nesta mesma liña, Feijóo criticou a maneira "discriminatoria" en que o Estado distribúe os 7.000 millóns en axudas directas --uns 230 millóns corresponden a Gallicia--.

Así, tras reivindicar que a galega foi "unha das comunidades que máis diñeiro investiu" cos dous plans de rescate á hostalaría, os autónomos e as pemes, interpelou a BNG e PSdeG, que gobernan en tres do catro deputacións, para que Galicia funcione como "unha administración única" á hora de distribuír futuras axudas a sectores afectados pola covid.

PIDE "CONFIANZA" NO COMITÉ CLÍNICO

En materia sanitaria, Feijóo defendeu que "o protocolo sanitario" fronte á pandemia funcionou "ben" e solicitoulles "confianza" nos 35 expertos que conforman o comité clínico que asesora á Xunta durante a pandemia. En concreto, Feijóo pediu á oposición teña "responsabilidade e madurez nos temas da pandemia".

Iso si, defendeu a "capacidade" do Sergas para vacinar a 100.000 persoas diarias. "O único problema que hai é que non temos un número suficiente de vacinas", engadiu. Así mesmo, avanzou a Pontón e Caballero que "no primeiro semestre deste ano" presentará as modificacións previstas no modelo de residencias e de coidados, mentres se comprometeu a "escoitar" as súas "achegas" a este plan.

CRISE INDUSTRIAL

No que respecta á crise industrial de Galicia, con 15.000 postos de traballo "nunha situación límite", Feijóo culpou directamente ás "decisións unilaterais" do Goberno central, das que a Xunta non acepta "ningunha corresponsabilidade".

Tras mencionar a situación pola que atravesan os estaleiros de Navantia en Ferrol, a planta de Alcoa en Cervo, Alu Ibérica na Coruña e a central térmica das Pontes, alarmou fronte á Lei de Cambio Climático para reclamar que se deixe "sen efecto" o polémico artigo 18, que pon "en perigo" á biofábrica de Ence en Pontevedra e ás conserveiras.

ANIVERSARIO DO AUTOGOBERNO E XACOBEO

Por outra banda, Feijóo aproveitou as reunións para convidar tanto a BNG como ao PSdeG a participar nos actos de celebración do 40 aniversario do autogoberno de Galicia, desde a aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981. Para o presidente da Xunta, sería unha mostra de "convivencia", polo que se mostrou favorable a estudar "propostas conxuntas".

Do mesmo xeito, reclamoulles a Pontón e Caballero "un acordo" para solicitar ao Goberno estatal "unha participación" económica duns 100 millóns de euros para a celebración Xacobeo 2021-2022, ante as súas sospeitas de que a achega se reduza a "cero euros".

Tamén puxo deberes ao Executivo estatal en canto á "reactivación" de infraestruturas como a autovía Lugo-Ourense e con chegada da alta velocidade ferroviaria á Comunidade galega, para posteriormente saudar o acordo político unánime que hai en Galicia ao redor da transferencia da titularidade da AP-9 e das competencias en costas.

O DIÁLOGO, "NORMALIDADE"

A pesar de que Feijóo asegurou que tiña "síntomas desesperanzadores" tras os encontros que se prolongaron máis de cinco horas, tanto a líder do Bloque, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, coincidiron ao considerar "positivo" o diálogo, que cren que debe formar parte da "normalidade democrática".

Precisamente, á que é a primeira reunión do máximo mandatario autonómico cos líderes da oposición no que vai de lexislatura, ambos os dirixentes acudiron con propostas centradas na sanidade, a crise industrial, o autogoberno e a xestión dos Next Generation como eixos da reactivación.

Á súa saída, Pontón avanzou varios acordos co presidente en cuestións concretas como a ampliación das axudas a vítimas de violencia de xénero pero lamentou que Feijóo non acudise co obxectivo de alcanzar "un gran acordo de país" para a xestión dos fondos de recuperación. "O Goberno galego optou por outra vía, que non é a do acordo de país. Evidentemente teñen maioría absoluta e poden facer isto, pero creo que é un erro", sinalou.

A nacionalista, que entregou un dossier ao presidente con distintas propostas, pediu ao presidente a xestión pública das sete novas residencias de maiores, o reforzo da atención primaria e a saúde mental, así como un plan para reducir as listas de espera, entre outros asuntos.

"VONTADE DE COLABORACIÓN"

Pola súa banda, Caballero ofreceu a posibilidade de chegar a 12 acordos en sanidade, economía e autogoberno e propuxo a creación dunha comisión no Parlamento que vele polo control dos proxectos europeos. "A cidadanía galega quere que nos entendamos", afirmou convendido de que o feito de que "o presidente da Xunta fale cos líderes da oposición debe de ser o normal en democrática".

O socialista asegurou atoparse a un titular da Xunta "receptivo". "A pesar das diferenzas que existen", hai unha "vontade de pór o mellor de cada un para defender aos galegos", sinala nun encontro no que reivindica ao PSdeG como "elemento de intermediación" entre Xunta e Estado.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese coa portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reúnese coa portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta