Temas: RAG FREIXANES

A Real Academia Galega busca nova executiva

Cúmprense catro anos de Víctor F. Freixanes como presidente.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2021 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega celebrou este venres pola tarde un pleno no que se oficializou o final do mandato do seu presidente, Víctor F. Freixanes, ao cumprirse catro anos desde que o 28 de marzo de 2017 accedeu ao cargo. Deste xeito, abriuse o proceso que concluirá coa elección da nova comisión executiva nun prazo máximo de tres meses.

Pleno da Real Academia Galega
Pleno da Real Academia Galega | Fonte: RAG.

Ata o momento da renovación deste órgano, ocupará interinamente o cargo de presidente o secretario saínte, Henrique Monteagudo, a quen de feito lle corresponde pór en marcha o proceso electoral.

Así, a candidatura ou candidaturas á Presidencia da RAG deberán presentarse ata 48 horas antes da data fixada para o pleno extraordinario no que leve a cabo a elección.

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO, NOVO ACADÉMICO

Por outra banda, o pleno da RAG deste venres tamén declarou vacante a cadeira de Xosé Ramón Barreiro Fernández --expresidente entre 2001 e 2009, falecido a semana pasada-- e designou ao historiador Lourenzo Fernández Prieto novo académico de número, tras a morte da poeta Luz Pozo Garza en abril do ano pasado.

Fernández Prieto é catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e desenvolve o seu labor en dúas grandes liñas de investigación: a historia agraria contemporánea e o estudo da Guerra Civil e o franquismo.

Na primeira destas dúas áreas, segundo subliña a academia, destaca pola "perspectiva innovadora" que aplica ao estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, ao centrarse na relación entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, cun enfoque ambientalista. Así, é coordinador do grupo 'Histagra', centrado neste campo, e dirixe a Cátedra Universitaria Juana de Veiga de Estudos Agrarios.

Así mesmo, en 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil e a ditadura de Franco, na que presta atención á análise da memoria das persecucións, das vítimas e dos victomarios. Co seu proxecto 'Nomes e Voces', converteuse nunha "referencia" no campo da historiografía española e internacional do século XX, asegura a RAG.

Á parte de dirixir o departamento de Historia da USC, Lourenzo Fernández Prieto mantén relacións con centros de investigación a nivel internacional e é profesor convidado das universidades de Princeton, Cidade de Nova York e Cork.

Temas: RAG FREIXANES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta