O éxito das vacinas: os casos de covid-19 nas residencias baixaron de 466 en xaneiro a só 17 agora

O pico da terceira onda nestes centros foi xusto antes de comezar a vacinación, o 24 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2021 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Os casos de covid-19 nas residencias de maiores de Galicia continúan baixando e sitúanse, con datos deste venres, nos 17, dos que 13 son usuarios e catro traballadores.

Residencia de maiores Coviastec, en Silleda
Residencia de maiores Coviastec, en Silleda | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

Segundo os datos actualizados polas consellerías de Política Social e Sanidade, rexistráronse as altas dun traballador da residencia de Caranza, en Ferrol, e doutro da Coviastec de Silleda (Pontevedra), así como de tres usuarios deste último centro. Pola contra, detectouse un novo positivo nun empregado da residencia de Oleiros.

Con iso, nestes momentos son 13 os maiores positivos en covid-19, 11 deles na residencia Coviastec de Silleda, onde se rexistrou un gromo --ata este xoves, os afectados neste centro eran 44, pero producíronse numerosas altas ao final da semana--. Tamén continúan afectados dous usuarios da Santa Mariña de Xinzo de Limia (Ourense), que rexistrara outro gromo.

No relativo aos traballadores destes centros, permanecen afectados tres empregados da Coviastec de Silleda e un da residencia de Oleiros.

Os centros de discapacidade mantéñense sen infectados por coronavirus nin entre os seus usuarios nin entre os seus traballadores.

Durante a terceira onda do coronavirus, as residencias galegas rexistraron un pico de usuarios contaxiados de 466. Este máximo produciuse o 24 de xaneiro, un día antes de cumprirse os sete días necesarios desde a administración da segunda dose da vacina para xerar inmunidade, dado que este proceso arrincou de forma xeneralizada o 18 de xaneiro. Desde o día 25, e malia algúns gromos, as residencias de maiores galegas foron experimentando un progresivo descenso na cifra de usuarios afectados.

Así, se o 27 de xaneiro, un mes despois do inicio da vacinación eran 445 os usuarios positivos, o 27 de febreiro a cifra situábase nos 50. Un mes máis tarde, este sábado, só restan 13 maiores contaxiados neste tipo de centros en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta