Feijóo avisa de que "vai ser moi difícil cumprir a inmunización do 70% da poboación no verán"

O Sergas mantén o calendario de vacinación malia a "diminución" de vacinas de AstraZeneca

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2021 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) seguirá "co calendario" de vacinación xa anunciado a pesar de que espera unha "diminución" das doses recibidas por parte de AstraZeneca durante "a segunda e terceira semana de abril".

Unha profesional sanitaria sostén unha xiringa cun viario da vacina contra a COVID-19 de AstraZeneca
Unha profesional sanitaria sostén unha xiringa cun viario da vacina contra a COVID-19 de AstraZeneca | Fonte: María José López - Europa Press.

Feijóo constatou esta demora, que xa estaba "comunicada", e a continuación dixo esperar que "na cuarta semana de abril" as comunidades volvan ter o número de vacinas "que estaba previsto".

A pesar deste escenario, asegurou que o Sergas seguirá co seu "calendario", de modo que a mediados de abril "todos os maiores de 80 anos" contarán coa primeira dose administrada, para quedar completamente inmunizados coa segunda "os primeiros días do mes de maio".

Ademais, reiterou que despois da Semana Santa arrincará a vacinación á poboación entre 55 e 65 anos, tramo de idade autorizado esta mesma semana no marco do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Mentres tanto, o Sergas aproveitará a Semana Santa para seguir administrando doses a maiores de 80 anos, a persoas de 50 a 55 e tamén a efectivos de "actividades esenciais", como policías e bombeiros, entre os 55 e os 65 anos.

En resumo, o presidente da Xunta confía que "en maio" se recuperen as vacinas de AstraZeneca e que "entre maio e xuño" estean xa autorizadas e en repartición os modelos de Janssen e Novamax.

"Se non aceleramos e non temos vacinas, vai ser moi difícil cumprir a inmunización do 70 por cento no verán. De momento non é posible. Se temos máis vacinas, é posible", insistiu Feijóo.

Dito isto, reiterou que o Sergas ten capacidade para vacinar a 100.000 persoas diarias, o que permitiría inmunizar "a toda Galicia en dúas voltas en tan só semanas". "Pero para iso necesitamos 100.000 vacinas diarias. Non as temos nin por moito que apuremos ímolas a ter en abril", lamentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta