(VÍDEO) Que hai detrás do primeiro gran lume do ano en Galicia?

O primeiro gran incendio de Galicia na parroquia de Figueiras, en Santiago de Compostela, pon de manifesto o problema ao que se enfronta a veciñanza, xa acostumada a ver arder o monte. Entre as causas; pirómanos, intereses, a falta de parcelaria e o abandono do monte por parte da Xunta.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/03/2021 | Actualizada ás 09:55

Comparte esta noticia

O pasado sábado, 20 de marzo, orixinouse ás 5:00 da madrugada o primeiro grande incendio do 2021 en Galicia, en concreto na parroquia de Figueiras, en Santiago de Compostela, lugar onde é frecuente que o lume arrase co monte que está fronte ás vivendas dos seus habitantes.

Monte Pedroso convertido en cinzas
Monte Pedroso convertido en cinzas

Debido a que os servizos de extinción de incendios non comezaban a traballar ata as 8:00 da mañá, os veciños e veciñas de Figueiras, que xa se decataran do que estaba a acontecer, subiron ao monte para intentar apagar o lume mentres vían como o vento ía trasladando as chamas dun lugar a outro sen poder facer nada por evitalo.

O incendio, que asolou ata 40 hectáreas, non é primeiro nin o segundo nin o teceiro incendio que se produce nesta parroquia compostelá. "Vivimos o incendio como o de 2016, o de 2013, o de 2006... que foi terrible porque estivemos rodeados, pero sempre pasa o mesmo", declara José Quintáns, presidente da Asociación de Veciños Nova Xeira de Figueiras.

SITUACIÓN DO MONTE

Así, Quintáns, máis Antonio e María Jesús, veciños de Figueiras, destacan que estes incendios non aparecen porque si, senón que son "provocados e intencionados", mais non saben quen é o responsable nin por que motivo leva a cabo esta actividade.

O que si poñen de relevo é o estado do monte, que din "parece unha selva" e afirman está "abandonado" pola Xunta, á que esixen que remate a concentración parcelaria iniciada no ano 1991 e que aínda non se completou. "Trinta anos despois, seguimos igual", defende Antonio. 

Pola súa parte, María Jesús destaca que, "se se fixese a concentración parcelaria, cada un sabería cal é o seu terreo e poderiamos limpar as nosas leiras", opinión que comparte o presidente da Asociación de Veciños, que engade que deberían construírse uns camiños de acceso no monte para que os equipos de extinción puidesen apagar mellor o lume.

Ademais, Quintáns destaca a necesidade de cultivar o monte para que este non arda con tanta facilidade. "Ten que haber algún tipo de actividade. O monte ten que producir, non pode estar abandonado. É unha riqueza que non está aproveitada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Nengum povo é inocente da sua história. O PP e “Frijol” governam polos votos de um sector de galeg@s, e toda a sua política está subordinada a los interesses da oligarquia madrilenha. Por tanto as suas decisons económicas nom estám para defender o País senom para encher de dinheiro os petos dos seus amos. As plantaçons de eucaliptos o único que traem é esbanjamento, contaminaçom, e fame (emigraçom) . É muitíssimo mais rendível o cultivo de cerdeiras, castanheiros, nogueiras, nom som dam froito de alto preço nos mercados, senom que a sua madeira é até cinco centos vezes mais valiosa. Seria bom conhecer o que saca o Frijol com esta política.