Galicia non rexistra mortos por covid-19 por primeira vez en seis meses

Na terceira onda chegouse a superar os 30 mortos diarios. Máis do 60% dos concellos leva unha semana sen computar novos positivos por coronavirus.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/03/2021 | Actualizada ás 20:27

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade non notificou este sábado ningún novo falecemento vinculado coa covid-19 en Galicia, unha noticia positiva que se produce por primeira vez en seis meses.

Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de San Cibrao
Un traballador sanitario totalmente protexido pecha a porta dunha ambulancia tras recoller a un ancián da residencia de San Cibrao | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

E é que hai que remontarse a medio ano atrás, xusto o 27 de setembro de 2020, para atopar unha xornada na que as autoridades sanitarias galegas non comunicasen ningunha morte por coronavirus. Desde entón, e no seguintes seis meses ata este 27 de marzo, informouse de falecementos todos os días.

Especialmente crúa neste sentido foi a segunda metade do mes de xaneiro e o inicio de febreiro, coincidindo co pico da terceira onda tras as festas de Nadal. Naquelas xornadas, notificáronse en varias ocasións máis dunha trintena de vítimas mortais diarias e o máximo produciuse o 1 de febreiro, con 40 falecidos --aínda que correspondentes a varios días--.

Coa diminución na incidencia de casos e a progresiva inmunización a través da vacina ás persoas de máis idade e, principalmente, aos internos e traballadores das residencias de maiores, as cifras de vítimas mortais foron diminuíndo.

Foi así ata este sábado, no que, segundo fontes de Sanidade, "non se rexistrou ningún falecemento por coronavirus" en Galicia. Con iso, a cifra de vítimas da pandemia mantense nas 2.332.

CONTAXIOS

A situación epidemiolóxica de Galicia con respecto á pandemia da covid-19 continúa cunha evolución favorable. Tal é así, que 190 concellos do total de 313, é dicir, o 60,7% do total, inician a Semana Santa sen computar novos positivos por coronavirus nos últimos sete días.

Así o reflicten os datos publicados este sábado pola Consellería de Sanidade. Estes constatan, ademais, a mellor situación das provincias de Lugo e Ourense, onde os concellos libres de covid na última semana son a maioría.

En concreto, o 82,6% dos municipios ourensáns --76 do total de 92-- levan xa sete días sen notificar novos contaxios por coronavirus, mentres que hai unha semana esta porcentaxe era do 75%.

Na provincia de Lugo, os concellos libres de covid son 49 dun total de 67. Isto supón o 73,1%, cando nos datos de Sanidade do pasado sábado esta cifra non chegaba ao 70%.

A melloría da Coruña é máis lenta, posto que hai unha semana os concellos sen casos de covid en sete días non chegaban ao 45% e agora mantéñense no 43%. En concreto, son 40 dos 93 que conforman a provincia.

Pola súa banda, Pontevedra tan só rexistra un 41% dos seus concellos libres do coronavirus --25 dun total de 61--, aínda que hai unha semana esta porcentaxe apenas superaba o 30%.

En canto ás principais cidades galegas, A Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, xunto con Vigo, son as que contabilizan as incidencias máis altas a sete días por cada 100.000 habitantes, que se sitúa entre os 25 e os 75 casos.

En concreto, na Coruña detectáronse na última semana 163 positivos, seguida de Vigo con 147, de Santiago con 41 e de Ferrol con 21 novos casos notificados na última semana.

En Pontevedra, a incidencia en sete días por 100.000 habitantes sitúase entre 10 e 25, ao cuantificar 20 infeccións desde o sábado pasado.

Mentres tanto, este parámetro confirma a mellor situación de Lugo e Ourense, con menos de 10 positivos rexistrados no últimos sete días --nos datos de Sanidade, ambas as dúas cidades figuran con entre un e nove contagios notificados--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta