Varios colectivos esixen á Xunta saber "que empresas hai detrás" dos proxectos que optarán a fondos europeos

Están agrupados ao redor da Cordinadora Galega Repartición Xusta Fondos Europeos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/03/2021 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

Decenas de colectivos, agrupados ao redor da Cordinadora Galega Reparto Xusto Fondos Europeos, denuncian a "opacidade" e o "escurantismo" da Xunta cos máis de 350 proxectos galegos anunciados o xoves para optar aos fondos europeos 'Next Generation'.

Alberto Núñez Feijóo nun acto sobre os fondos Next Generation
Alberto Núñez Feijóo nun acto sobre os fondos Next Generation | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Esta plataforma lamenta que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciase estas iniciativas "sen dar absolutamente ningún detalle nin información sobre cales son", sobre "que empresas hai detrás" nin sobre "que mecanismo se utilizou para escollelos" nin "como se van a repartir".

Para a portavoz da Cordinadora Galega Reparto Xusto Fondos Europeos e secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, é "alarmante esta opacidade" porque pode servir para "que se rescate só as grandes corporacións co diñeiro de todos e de todas, esquecendo as necesidades básicas de quen realmente sufriu a crise" da covid.

"Esta antidemocrática forma de proceder do Goberno galego o único que fai é xerar sospeitas. Preguntámonos se, como ocorreu na crise de 2008, a súa intención é rescatar só ás empresas e deixar a cidadanía á expectativa", lamenta.

Non en balde, a plataforma advirte que o programa 'Next Generation' da Unión Europea está composto "por fondos públicos que no futuro teremos que pagar entre todos e todas", xa que só unha parte son a fondo perdido. Por isto mesmo, a Coordinadora suxire que o seu uso se someta a "participación pública".

"Esiximos á Xunta de Galicia transparencia, participación pública e unha repartición xusta dos fondos. Sen transparencia non hai democracia. Se pagamos todas, decidimos todas", conclúe Isabel Vilaba.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta