A ecoetiqueta 'pensaenverde' acolle as lonxas da marca 'pescadeRías'

As especies capturadas baixo o selo de 'pescadeRías, de onde senón? están dentro dos límites aceptables da pegada de carbono e taxa de retorno enerxético, segundo as pescudas dos investigadores de Biotecnoloxía Ambiental da USC.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

As lonxas certificadas pola marca ‘pescadeRías, ¿de onde se non?, atópanse acollidas, dende o pasado venres -26 de marzo-, baixo o paraugas da ecoetiqueta ‘pescaenverde’, a ecoetiqueta desenvolvida por investigadores de Biotecnoloxía Ambiental da USC.

Lonxa
Lonxa | Fonte: Santi Alvite

Esta decisión tomouse despois de que os cálculos efectuados pola USC evidenciaran que as especies capturadas baixo as modalidades de pesca aceptadas pola marca ‘pescadeRías ¿de onde se non?’ -selo creado pola Consellaría do Mar para a promoción e defensa dos produtos procedentes da pesca artesanal- estaban dentro dos límites aceptables de pegada de carbono e taxa de retorno enerxético.

Así, o pasado venres, a Lonxa de Ribeira acolleu o acto de entrega da ecoetiqueta, unha marca de garantía desenvolta por investigadores de Biotecnoloxía Ambiental da USC e que ten como finalidade achegar información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen no medio ambiente.

PERSOAS PRESENTES NO ACTO

Neste acto estiveron presentes o reitor da USC, Antonio López, xunto co vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, quen presentou a avaliación realizada pola Universidade.

Pola súa parte, o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, tamén participaron na sesión xunto a Fernando Carreira García, xerente da Lonxa de Ribeira.

E tamén participaron representantes das entidades xestoras Confraría de Pescadores Virgen del Carmen de Cabo de Cruz, Confraría de Pescadores de Cedeira, Confraría de Pescadores de Ferrol, Confraría de Pescadores de Pobra do Caramiñal, Lonxa de Ribeira S.L. e Confraría de Pescadores Virgen del Rosario de Vilaxoan, que recolleron os seus respectivos diplomas que acreditan que poderán incorporar a marca ‘pescaenverde’ nas súas etiquetas, transmitindo así aos consumidores o perfil ambiental dos seus produtos.

'PESCAENVERDE'

A ecoetiqueta, rexistrada como marca de garantía na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM) e na Oficina Europea de Propiedade Intelectual (EUIPO), subministra información ao consumidor sobre o impacto que os produtos pesqueiros teñen sobre o medio ambiente, e ao mesmo tempo aporta un valor engadido aos produtos que incorporan a marca, favorecendo a súa venda nun mercado tan competitivo como o actual.

 

“A marca de garantía ‘pescaenverde’ ten en conta o ciclo de vida das actividades pesqueiras e recolle o cumprimento de dous índices ambientais: a pegada de carbono e a taxa de retorno enerxético”, explican os catedráticos da USC que desenvolveron a ecoetiqueta en 2013, María Teresa Moreira e Gumersindo Feijoo Costa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta