'Smart Cardia', unha plataforma intelixente para facilitar a xestión da rehabilitación cardíaca

Este proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A plataforma intelixente 'Smart Cardia' foi presentada o pasado xoves, 25 de marzo, a través do Centro Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC e a empresa Balidea, como unha ferramenta idónea para a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca.

Web de 'Smart Cardia'
Web de 'Smart Cardia' | Fonte: USC

Esta iniciativa incorpora tecnoloxías baseadas en Intelixencia Artificial (IA) para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca en pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio permitindo que os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso seguro e predicible, sen variabilidade e controlado, contando con indicadores de calidade.

A finalidade do proxecto é a de facilitarlle aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas cun maior grao de usabilidade.

PLATAFORMA DE APOIO

A plataforma nace como apoio aos profesionais sanitarios que interveñen neste tipo de procesos, como cardiólogos, persoal de enfermaría especializada, fisioterapeutas, médicos rehabilitadores, endocrinólogos, médicos de atención primaria e enfermería comunitaria.

O proxecto, ademais de ter unha finalidade sanitaria mediante o control dos factores de risco e a prevención, ten unha finalidade social ao interactuar con Prebencar, un asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar cardiovascular que promove hábitos cardiosaudables, e axuda aos pacientes que sufriron un infarto na súa recuperación.

'Smart Cardia'  é un plan de investigación levado a cabo polo consorcio de empresas liderado pola compañía Balidea, no que tamén participan Imagames e SM Tecno, alén da Fundación IDIS. Ademais, atópase baixo o asesoramento de cardiólogos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

Este proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, á súa vez cofinanciado polo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta