Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 12:42
A Xunta abrirá este martes o prazo de solicitude do programa 'Renove Electrodomésticos' para as entidades colaboradoras tras a publicación da convocatoria este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG). Segundo os cálculos da Xunta, este programa de apoios permitirá durante 2021 a 20.000 familias aforrar 560.000 euros ao ano na súa factura enerxética.
Está dirixido a persoas que residan en vivendas localizadas en Galicia e queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouzas A, B ou C; ou encimera de indución total.
As axudas, ás que se destinan un total de 3 millóns --un 70% máis que na convocatoria anterior--, serán de concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras.
Poderán alcanzar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, o 50% para os vulnerables e o 75% para os vulnerables severos. Por tanto, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros.
Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos. Con esta nova convocatoria, a Xunta prevé mobilizar 10,5 millóns, unha redución do consumo enerxético de 4.050 MWh/ano, unha diminución das emisións de CO2 equivalente á plantación de 60.000 árbores e a creación de, aproximadamente, 150 postos de traballo.
A Xunta espera a adhesión duns 500 comercios a esta iniciativa --teñen ata o 30 de xuño-- e aproveitará para informar os consumidores --cuxo prazo se abrirá durante a segunda quincena de abril-- sobre o novo etiquetaxe derivado do reescalado da cualificación enerxética.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.