Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 15:44
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, celebrou que o Ministerio de Universidades siga o exemplo de Galicia coa súa política de redución de prezos públicos e destacou que a comunidade galega seguirá mantendo os máis baixos do Estado e o sistema universitario "máis accesible".
A Conferencia Xeral de Política Universitaria, que reúne ao Ministerio de Universidades e ás comunidades autónomas, aprobou este luns a equiparación de prezos medios de másteres habilitantes aos prezos de estudos de grao, unha proposta que levará un reforzo orzamentario de 10,5 millóns de euros para o conxunto das comunidades autónomas.
Respecto diso, Román Rodríguez destacou que Galicia cumpre "sobradamente" cos requisitos do Ministerio e, en concreto, co de establecer co horizonte do curso 2022-2023 un prezo máximo de referencia en función do da matrícula de grao. Galicia equiparou xa no ano 2018 os prezos de máster habilitante (os que son necesarios para exercer unha profesión) aos de grao, mentres que o pasado exercicio fixo o mesmo coas taxas daquel non habilitantes ou enfocados a unha especialización de coñecementos e investigación científica.
A iso uniu a conxelación das taxas de titulacións de grao durante a pasada década e que sitúa ao sistema universitario galego no "máis accesible" para estudar de todo o Estado. Educación destaca que un estudante galego pode aforrar un total de 308,4 euros ao curso en matrículas respecto da media de España. No caso de máster habilitante, o aforro medio sitúase en 660 euros mentres que en non habilitantes ascendería a máis de 1.150 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.