Galicia delenda est

As forzas de seguridade detiveron a 140 persoas no que vai de ano, pero ningunha delas está presa. E mentres, a Xunta de Feijóo insiste en actuar sobre os incendiarios, pero non na súa política de prevención forestal.

Por Xurxo Salgado | Tomiño | 19/09/2013

Comparte esta noticia
"Imos facerlle fronte aos incendiarios". Esta frase, repetida varias veces e por distintos cargos da Xunta de Galicia, comezando polo seu presidente, amosa ben as claras cara a onde van os tiros da política informativa do Goberno galego.
 
E é que Alberto Núñez Feijóo prefire centrar o seu discurso na perigosidade que representan os incendiarios --e razón non lle falta--, pero non tanto na política forestal que, ao longo do ano e dos anos que leva como presidente, ten realizado. Precisamente, hai uns días cualificaba de "razonablemente positivo" o balance do verán en canto a incendios forestais. Unha declaración precipitada que chegou antes de que un lume arrasara o Monte Pindo e de que máis de 4.000 hectáreas se sumaran a ese balance provisional.
 
Ano tras ano, desde a Xunta prefiren destacar os logros da política de extinción de lumes e dos medios que traballan para combatelos, pero non os da política de prevención. Unha política de prevención que sofre recurtes anualmente, fronte aos máis de 100 millóns que custan apagar os centos de lumes que cada verán asulagan o país.
 
Detrás da extinción dos lumes tamén hai un interesante negocio. O gasto por hora dun avión de loita contra o lume pode oscilar entre os 900 e os 6.000 euros dependendo do modelo e da súa capacidade de recollida de auga. Todo o operativo contra o lume ten prezo, desde o uso dos medios aéreos ata o uso de pas e motobombas. E a metade deses cartos, ben invertidos, servirían para ter todos os nosos montes limpos.
 
Durante os catro anos que Feijóo estivo na oposición, o seu principal argumento para atacar ao Bipartito durante as campañas de incendios era a "súa escasa xestión de políticas forestais". Un argumento que agora tamén lle lembran os partidos da oposición. E é que en Galicia faise, desde hai moitos anos, unha política de contención dos lumes e non de prevención.
 
Pero esta responsabilidade que ten a Xunta no coidado e limpeza dos nosos montes tampouco debe cegar aos críticos coa Xunta porque os principais responsables de cada lume son os incendiarios, e contra eles a sociedade galega debe de actuar unida.
 
En Francia, hai uns anos, cando se consumía todo o Sur do país, o Goberno francés modificou o código penal para dar cabida a unha nova figura; a do terrorista incendiario. Un delito coas mesmas penas que un terrorista. Así que, incendiario collido en faena, incendiario que acaba entre reixas. Grazas, en parte a esa agresiva política, o Estado francés conseguiu conter a onda de incendios.
 
Aquí, a política xudicial en contra dos incendiarios segue sendo moi feble e, especialmente, a investigación dos lumes. A maior parte dos detidos acaban libres por falta de probas. Non son poucas as veces que as forzas de seguridade traballan baixo presión para acadar resultados. E, eses resultados, ao final, non son os desexados. De 140 detidos este ano, ningún deles está no cárcere.
 
E a pesares de que a Xunta se presente como acusación particular nos xuízos contra incendiarios ou que consiga que a Policía Autonómica teña capacidade sancionadora, o certo é que non arranxa o problema de base. A maior parte dos incendiarios sancionados son aqueles que realizan queimas incontroladas. Pero eses non son os perigosos. Os perigosos son os que queiman concienzudamente, e a sabendas, grandes superficies forestais. E eses, case nunca, acaban entre reixas nin se saben as súas verdadeiras motivacións. Quizais, de sabelas, o conto cambiaba moito.
 
Para rematar con esta lacra fan falla cambiar moitas cousas; as políticas forestais actuais, a implicación da sociedade na loita contra os incendios e a concienciación da riqueza que para este país supoñen os seus montes. Debemos unirnos, facer cesións e cambiar, definitivamente, o chip. Só así evitaremos que Galicia acabe transformándose nunha Cartago.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Salgado Tejido Xornalista. Traballou en prensa, radio, televisión, gabinetes de prensa, axencias de noticias e Internet. Participou en varios proxectos de xornalismo electrónico. É o coordinador de GC