Acordo entre USC e Educación para investigar o uso do galego en redes sociais, entre mozos e as familias

A investigación profundará no uso do galego dos mozos e as súas interaccións nas redes sociais e nas plataformas de comunicación de texto e voz, como Whatsapp ou Telegram.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2021 | Actualizada ás 19:40

Comparte esta noticia

O Instituto da Lingua Galega (ILG) impulsará un estudo sobre as interaccións e o uso do idioma nas redes sociais entre os mozos, ademais da transmisión xeracional ou o cambio lingüístico no ámbito familiar.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, renovaron a colaboración de ambas as institucións neste ámbito a través dun convenio, cuxa vixencia se estenderá durante catro anos.

A investigación profundará no uso do galego dos mozos e as súas interaccións nas redes sociais e nas plataformas de comunicación de texto e voz, como Whatsapp ou Telegram . Así, estudarase o uso de recursos lingüísticos procedentes doutras linguas así como iconas, emoticonos, gifs e outro tipo de materiais gráficos.

Nesta liña, tamén se analizarán os procesos de mantemento, transmisión e cambio de lingua entre as familias galegas, ademais de avanzar os traballos que están a cargo do ILG sobre competencia escrita entre os estudantes de 2º de Bacharelato.

"En particular centrarémonos nos aspectos ideolóxicos referidos ao monolingüismo, bilingüismo ou multilingüismo na nosa sociedade, en relación tamén cos usos lingüísticos postos en práctica para emitir eses mesmos discursos e producir esas interaccións", trasladou Xosé Luís Regueira Fernández, investigador a cargo desta liña de traballo. Doutra banda, avanzarase no 'Atlas Lingüístico Galego' e na investigación do patrimonio literario na historia, xunto a outros proxectos interdisciplinares sobre lingua na Galicia medieval.

MAIOR ESTABILIDADE

A Xunta destacou que o obxectivo deste convenio é ofrecer maior estabilidade á colaboración con estes equipos de investigación e que sufragará o 58% do investimento para un total de tres liñas de investigación do ILG. En suma, o acordo de colaboración conta cunha dotación global de 825.360 euros, dos que o Goberno galego achegará 480.000 euros.

Doutra banda, defendeu que os resultados ata agora "avalan" a política lingüística da Xunta, posto que os datos do IGE verifican que falan galego máis persoas que fai cinco anos e o último informe PISA sitúa a Galicia como a comunidade na que se falan dúas linguas con máis facilidade.

O reitor da USC Antonio López
O reitor da USC Antonio López

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta