O Consello da Cultura Galega propón un decálogo para a cultura sustentable en Galicia

Un dos puntos centrais pasa porque a cidadanía estea no centro das políticas públicas.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

A Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega vén de publicar este martes un decálogo que recolle o resultado das achegas realizadas por diferentes expertos e axentes culturais no marco da xornada “Futuros presentes, conversas sobre cultura e sustentabilidade” desenvolvida o pasado mes de febreiro.

Consello de Cultura Galega en marzo de 2019.
Consello de Cultura Galega en marzo de 2019. | Fonte: Congreso de Teatro Galego

O documento, baixo o nome de 'Decálogo para unha cultura sustentable en Galicia', propón un cambio de modelo no que a cultura se entenda desde unha perspectiva ampla, que busque unha economía da cultura máis social que promova fórmulas cooperativistas que contribúen ao desenvolvemento local e a unha maior estabilidade do emprego e dos proxectos.

Nesa lóxica de traballo, o decálogo motiva a reformular os grandes eventos culturais cunha ollada á proximidade, á viabilidade e á diversificación dos proxectos. Ademais, propón evitar o gasto en novas infraestruturas desde unha lóxica de sustentabilidade e a prol de maior reforzo de persoal e mantemento de estruturas desde unha lóxica de sustentabilidade.

Ademais, un dos puntos centrais pasa porque a cidadanía estea no centro das políticas públicas, que teña en conta o "carácter rural da cultura galega" e que se preste atención aos retornos sociais non monetarios.

CAMBIO DE MODELO

O decálogo procura un cambio de modelo, avogando polo apoio aos procesos de transformación dixital e de internacionalización da cultura e en consonancia cos movementos que nesta liña se desenvolven a nivel europeo.

A Comisión Europea ten en marcha o Pacto Verde (Green Deal), a folla de ruta para dotar a UE dunha economía e dunha sociedade máis sustentables e acadar unha transición xusta e integradora para todos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta