A Xunta quere ir por diante da UE implantando en abril un certificado de vacinación antes do "pasaporte" europeo

Avanzouno o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na rolda de prensa posterior ao comité clínico deste martes, na que explicou como funcionará este certificado, que contará cun código QR para a autentificación dos datos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Galicia implantará na primeira quincena do mes de abril un certificado para acreditar a vacinación ou estar en posesión de probas de coronavirus que acrediten a superación do virus ou que a persoa ten un test negativo.

Así o avanzou na rolda de prensa posterior ao comité clínico o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, quen matizou que por agora será "meramente informativo" ao actuar como un ensaio previo á implantación do 'pasaporte verde' que prepara a Unión Europea co fin de facilitar a mobilidade.

Na súa comparecencia, o conselleiro explicou como funcionará este certificado, que contará cun código 'QR' para a autentificación dos datos e estará dispoñible en primeiro lugar para os vacinados, estean cubertos polo sistema público ou non. Poderase ter tanto en papel como en formato dixital nas aplicacións do Sergas --'Pass Covid', 'É-Saúde' e 'Sergas Móbil'--.

Segundo garantiu Comesaña, terá a mesma "base xurídica" e "criterios técnicos" que o proxecto presentado a nivel europeo, que terá o obxectivo de "fomentar a mobilidade segura" durante a pandemia do coronavirus. No entanto, o certificado galego exponse como un proxecto previo ao da UE, de modo que se substituirá "de modo inmediato" polo comunitario cando estea dispoñible.

O "compromiso" de Sanidade, asegurou o conselleiro, é que estea listo na primeira quincena do mes de abril, aínda que "de momento será meramente informativo". "Se despois, unha vez consolidado o sistema, nós ou alguén expón un uso que vai na esencia de potenciar a mobilidade segura, estaremos a favor", proseguiu Comesaña, ao ser preguntado sobre a súa utilidade de face ao futuro.

Cribado no aeroporto de Alvedro / Sergas. / Europa Press
Cribado no aeroporto de Alvedro / Sergas. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta