Persoal fixo-discontinuo contra o lume: “Se non nos moviamos nós, non o facía ninguén”

Os traballadores fixos discontinuos contraincendios estiveron ata hai pouco traballando tres meses por ano. Desde 2017 foron incrementando os períodos ata chegar aos actuais seis meses. Aínda así, este colectivo pide a equiparación temporal con outros colectivos do SPIF ademais de que se concrete xa unha data para as probas que permitan a consolidación de postos e a mellora na calidade do servizo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 31/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galicia (ATRIFOGA) naceu co propósito de converter o colectivo de traballadores fixos-discontinuos en fixos dentro do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). Este colectivo ata o ano 2017 traballaba por un período de 3 meses por ano durante a época de maior risco de incendios. A precariedade laboral do seu sector así como  o que eles consideraban “unha falta de atención tanto por parte da Administración galega e de forzas sindicais” levounos a formar o seu propio movemento representativo.

Bombeiros das brigadas antiincendios da Xunta de Galicia. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Bombeiros das brigadas antiincendios da Xunta de Galicia. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo


FIXO-DISCONTINUO

Segundo a definición do SEPE, o contrato fixo discontinuo entra na categoría de indefinido. “El contrato de trabajo indefinido podrá celebrarse a jornada completa, parcial o para la prestación de servicios fijos discontinuos”. Así están os “traballadores de seis meses” que forman parte dos equipos contraincendios de Medio Rural. A maioría deste segmento laboral do SPIF pasou as probas realizadas en 2003, aínda que “hai persoas que comezaron hai dez anos e non se presentaran”.

As probas de 2003 foran un concurso oposición, sinala desde ATRIFOGA. Aos exames presentárase pouca xente e “como era concurso oposición colleron as prazas persoas que levaban máis anos”. Desde aquel ano non se volveron realizar máis oposicións “e iso que a lei di que debera haber cada tres anos”. Non obstante, hai fontes que apuntan á posibilidade de celebrar este ano os esperados exames para consolidar prazas. De todas maneiras, traballadores do SPIF con contratos fixos discontinuos aseguran que aínda non se coñecen as datas.

Durante este tempo o que si se produciu foron denuncias nos xulgados para reclamar a fixeza nds prazas laborais. Estas demandas acabaron en moitas ocasións a favor dos demandantes se as haberá por denuncias para conseguir a fixeza. “Non entendemos que a Xunta acabe indo ao xulgado, pois por un lado dinnos que nos xulgados se están gañando as prazas e logo non nos deixan claro se podemos pedilas”, sinala ATRIFOGA. O sector considera que agora mesmo está nun limbo só coa certeza de que as demandas laborais están gañando.

Incendio en Seoane, Monforte
Incendio en Seoane, Monforte | Fonte: @Incendiosgalic1 en Twitter.

O feito de traballaren como fixo discontinuo fai que o resto do ano estas persoas busquen outras ocupacións ou podan sobrevivir con prestacións ou subsidios. De ser así, no momento de tributar na Declaración da Renda, ao aparecer dous ou tres pagadores “hai que pagar”. Isto cando non hai algún problema burocrático como “hai uns anos que houbo problemas no SEPE cos subsidios e as prestacións, finalmente tivemos que devolvelas”.

Desde a Consellería de Medio Rural a resposta ao sentido do modelo de contratación por seis meses responden que "apostamos por un Servizo antiincendios único, público, profesional e versátil". Sinalan que a incorporación progresiva do persoal de reforzo (tanto de seis como de nove meses) "faise efectiva de acordo coas necesidades de programación e planificación e en función das circunstancias climatolóxicas, co fin de potenciar o dispositivo de loita contra o lume, especialmente con vistas á tempada de alto risco de lumes, que coincide co verán".

Sobre por que se foron incremento progresivo do período laboral, o departamento de José González declara que "estas e outras medidas para mellorar o operativo adoptáronse tamén de acordo coas recomendacións da comisión parlamentaria de reforma forestal, así que deste xeito deuse resposta a un mandato da Cámara galega".

MELLORAS LABORAIS E PREVENCIÓN

“Atrifoga naceu para cambiar pouco a pouco a nosa situación porque ninguén se movía por nós” din desde a asociación. A realidade é que, igual que outros sectores dentro do SPIF, este colectivo foi aumentando progresivamente de tres a seis meses desde 2017. “Logo dunha reunión co director xeral, contaba a medio prazo para estarmos traballando os 9 meses”.

A ampliación do período de contratos tamén tivo detrás as protestas do colectivo en canto alertaron á Xunta tanto da súa precariedade laboral como dos “incendios de sexta xeración que son case imposibles de controlar con persoal en precario e material insuficiente”. A isto engádese que a pesar da ampliación temporal dos contratos, a política de prevención do lume para este colectivo segue ausente.

“Insistimos na prevención, débese facer por estar o monte cheo de matogueira”. A pasada campaña realizaran un mes de prevención cos tractores, “este ano tamén o imos facer mais xa estaremos en situación de alto risco, porque co lume tes que deixar o demais”. E iso que agora mesmo, o colectivo de seis meses ten as súas propias brigadas antincendios, cando “antes contabamos só coas helitransportadas”. Estas novas brigadas proceden, maiormente, da antiga SEAGA.

A pesar de todo, o obxectivo é que a súa contratación sexa de doce meses, “porque así poderíamos realizar máis traballos de prevención coa limpeza no monte”. Empregaríase persoal de vixilancia, tractoristas, bombeiros forestais, etc., para evitar que o monte estea preparado antes das vagas de incendios.

Medio Rural pola súa banda, asegura que o persoal que traballa no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios (SPDCIF) "actúa tanto en labores de prevención como de extinción de lumes, en función das necesidades operativas do servizo". Inciden tamén en que Galicia conta cun plan de prevención específico, que se renova cada ano e que se integra no Pladiga. Neste contexto, "os profesionais do SPDCIF participan no deseño das tarefas preventivas e desenvólvenas, como parte do seu cometido".

Ademais, "a Xunta ten subscrito un convenio de colaboración coa Fegamp e Seaga para a defensa das aldeas que se centra na prevención dos lumes nas faixas máis próximas ás vivendas". Actualmente están adheridos a este acordo 269 concellos.

Actualmente son case 1.000 os efectivos de seis meses que traballan para o SPIF. Inclúen emisoristas, bombeiros forestais, vixilantes, conductores e outras categorías. Nestes momentos están pendentes das probas para consolidar prazas, sen data aínda e tamén, da posible reorganización dos distritos forestais en Galicia que reduciría o seu número de 19 a 9, sen saber moi ben como pode afectarlles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta